salceda 2017

O PP de Salceda “segue sen querer escoitar” as explicacións no tema do Auditoiro

O portavoz do Partido Popular de Salceda de Caselas, Santiago Rodríguez Davila, anunciou a intención do seu grupo de levar o que eles mesmos denominaron Caso Auditorio, aos xulgados ao ser, segundo entenden, a única vía que lles deixa o Goberno local “ao impedir que a Comisión Informativa emitise un ditame”. Mentres, o Goberno local asegura que o PP "segue sen querer escoitar" calquera tipo de explicación que se lle ofreza para aclarar o asunto.

Rodríguez Davila afirma que, antes de tomar esa decisión “esgotamos a vía política” e aproveita para arremeter contra o PSdeG-PSOE de Salceda aos que acusan de “non facer nada durante a Comisión” para que se emitise dito ditame “e se informase aos veciños sobre o asunto”.

O PP promovía esta Comisión Informativa Especial para aclarar o destino dos cartos supostamente cobrados por tres actuacións no Auditorio e non ingresados nas Contas do Concello e baseándose nun informe da interventora que sinala que “Revisada a contabilidade correspondente ao exercicio 2016, non consta na aplicación orzamentaria 34902 dereito recoñecido e/ou ingreso correspondente as actuacións mencionadas”

Santiago Rodríguez alude, nunha nota de prensa, as supostas contradicións amosadas na Comisión Informativa Especial entre o alcalde e a concelleira de Cultura e asegura que por parte da alcaldía “negouse a comparecencia dos funcionarios que traballaron na venda das entradas e recadación dos cartos co fin de esclarecer o procedemento”.

Lamenta o portavoz Popular a actitude “ditatorial” do alcalde impedindo que a Comisión emitise un ditame ou informe sobre o asunto tratado.

“O PP segue sen queres escoitar”
O anuncio da posible querela do PP non colle de sorpresa ao Goberno local de Movemento Salceda que asegura que “ese era o seu plan dende o comezo” e aseguran que os populares “seguen sen querer escoitar” as explicacións que se lle veñen dando dende o Goberno local, “tanto na Comisión Especial Informativa como con anterioridade á mesma”.

O executivo local de Salceda explica, unha vez máis, que o diñeiro das entradas foi “directamente para as empresas organizadoras dos espectáculos”. Doutra banda, insiste o Goberno local, unha vez máis, “a diferenza para cubrir os cachés dos espectáculos facturóuselle ao Concello con cargo a partida de “Cultura e Festexos”.

As cousas son “así de claras. Sen máis voltas”, aseguran dende Movemento Salceda aínda que están convencidos de que “cando un partido como o Popular busca a xudicialización da vida política local, non hai explicación que lles sirva”.

Movemento Salceda remata sinalando que para eles “en política non todo vale, ao contrario do que practica o PP”. Serán, en todo caso, os xulgados os que teñan que dirimir a cuestión e non, como pretendían os populares, “converter unha Comisión informativa nun xuizo paralelo”