salceda 2017

Nais e Concello impiden a saída dun autobús escolar con máis nenos que prazas

Un grupo de nais de nenos e nenas das parroquias de Picoña e parte de San Xurxo, impediron hoxe a saída do transporte escolar que a empresa Monbús pretendia poñer, por terceiro día consecutivo e que tiña unha capacidade insufienciente para acoller ao alumnado. De feito, sinalan, tanto o luns como o martes, os nenos e nenas viaxaron sentados de tres en tres en cada dous asentos, feito que hoxe pretendía repetirse.

Cómpre salientar que o Real Decreto 443/2001, de 27 de abril, «Sobre condicións de seguridade no transporte escolar e de menores» no seu artigo 4 «Características técnicas dos vehículos» sinala claramente que "Cada menor dispoñerá da súa propia praza ou asento, que deberá ter as dimensións mínimas determinadas no regulamento CEPE/ONU que resulte de aplicación". E dicir, queda invalidada a antiga norma de que "podían sentarse tres por cada dous asentos".

transporte escolar paralizacion 02

En todo caso, o Concello tiña dado conta deste feito á Policía Local para que non permitira a saída do autobús nesas condicións que viola claramente a Normativa do Transporte Escolar. Ao mesmo tempo nais de alumnos e alumnas, directiva da ANPA e a concelleira de Ensino, Tere Pérez, presentaronse na saída do colexio para defender a seguridade dos nenos e nenas.

Ante esta situación, a empresa optou por facer unha doble viaxe, facendo a primeira saída cos nenos das paradas de Outeiro e Condide. Mentres tanto, o resto de cativos agardaron no colexio baixo o coidado de persoal docente do centro, que se encargou da vixianza dos mesmos ata a chegada da segunda viaxe que os levou á súa casa.

transporte escolar paralizacion 01

Tere Pérez, concelleira de Ensino de Salceda de Caselas, no dubidou de cualificar de “extrema gravidade" o que estivo acontecendo estes dous días, e asegurou que "non imos consentir que se repitan este tipo de situacións". A concelleira deixou claro que a empresa "terá que mandar un autobús con capacidade suficiente para atender o alumnado de cada unha das rutas, pois tampouco é de recibo deixar a case unha vintena de nenos e nenas agardando no colexio a que veña o autobús de volta a recollelos”.

Dende a entrada en vigor do novo Plan de Transporte, o Concello de Salceda leva dado innumerables pasos na defensa dos intereses dos veciños e veciñas do municipio, que viron drasticamente reducidas as frecuencias de autobuses para desprazarse a Vigo ou a Tui. Onte mesmo o Salón de Plenos do Concello de Salceda de Caselas acolleu a xuntanza convocada polo Equipo de Goberno cos representantes das asociacións de veciños, xubilados, ANPAS e outras persoas afectadas polos cambios producidos no sistema de transporte público.

O Alcalde Marcos Besada, acompañado polas Concelleiras Tere Pérez e Carla Pérez, fixo unha exposición da situación actual, atopándose con un absoluto descoñecemento por parte dos colectivos. Así mesmo, o Concello deu conta dos pasos dados ante a Xunta para defender os intereses dos veciños e veciñas de Salceda ante o que consideran un atropelo nunca antes visto no que a mobilidade se refire, con numerosos escritos enviados á Dirección Xeral de Mobilidade solicitando a reposición das liñas retiradas así como o aumento de frecuencias das mesmas. Na reunión cos diferentes colectivos acordouse iniciar acción conxuntas na defensa do servizo de transporte público en Salceda, que se irán materializando nos vindeiros días.