salceda 2017

Salceda recibe máis de 100.000 euros no marco do Plan Concellos

Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión dunha axuda de 105.252,18 euros ao Concello de Salceda de Caselas, para financiar as obras de mellora do paseo fluvial e o parque etnográfico do río Landres. Ata o momento, Salceda de Caselas ten aprobado xa o 61,55% do orzamento que a Deputación de Pontevedra lle destina no marco do “Plan Concellos 2017”, isto é, unha achega valorada en 393.865,37 € dos máis de 600.000 euros que lle corresponden neste exercicio.

O Goberno provincial aprobou a concesión de axudas por valor de preto de 460.000 € para que dous concellos da provincia, Salceda de Caselas e Vilagarcía de Arousa, poidan acometer novos investimentos nos seus termos municipais.

A presidenta Carmela Silva subliñou que “coas axudas que aprobamos hoxe, que ascenden a 459.000 €, levamos xa distribuídos máis de 20,8 millóns de euros, é dicir, o 80,8% da liña 1 que, como saben, este ano ten un orzamento de 25.750.000 €”. A Presidenta da Deputación de Pontevedra destacou a importancia destas achegas porque “permiten aos concellos da nosa provincia facer fronte a investimentos, proxectos e competencias que dificilmente poderían afrontar” e lembrou que “esa é unha obriga para unha institución como a Deputación de Pontevedra, que debe axudar aos pequenos e medianos concellos para que garantan a calidade de vida das súas veciñanzas”.

Silva, aproveitou para lembrar que “este ano o Plan Concellos ten unha dotación de 41,2 millóns de euros, unha partida un 3% maior que a aprobada o ano pasado e que, entre as súas tres liñas estratéxicas, leva aprobados xa preto de 33 millóns de euros dende xaneiro, o que supón o 79,6% do seu orzamento total”.