salceda 2017

O PSOE de Salceda reclama a accesibilidade para o Pavillón Municipal

O Grupo Socialista de Salceda de Caselas solicitou, no pasado pleno, a realización "das actuacións necesarias para dotar o Pavillón Municipal de accesibilidade". Lembran as concelleiras socialistas, Verónica Tourón e Gela Ledo que Salceda dispón dun Pavillón Municipal con numerosas actividades deportivas, "tanto de adestramento, como campionatos e exhibicións" ademáis de acoller, en ocasións, actividades culturais e solidarias.

Porén "esta infraestructura non dispón de ningún tipo de accesibilidade para aquelas persoas que teñen problemas de mobilidade”, afirma a voceira Verónica Tourón.

Destacan as concelleiras do PSOE que “consideran prioritarias todas aquelas actuacións que nos levan a ser unha sociedade máis igualitaria e que eliminen as barreiras de accesibilidade que este colectivo sufre no día a día". Apunta Tourón que na pasada lexislatura, "cando xestionábamos a Concellería de Deportes", comezouse co estudo da accesibilidade "e solicitáranse diversos orzamentos para dar solución a este problema, que se podían agora retomar”.

Entenden ademais que "se debe priorizar aquelas obras máis necesarias e darlle prioridade á eliminación de barreiras, posto que como é lóxico sería imposible realizalas todas".