I Forum Transfronterizo

salceda 2017

O Xulgado autoriza a Salceda o pago a provedores bloqueado polos grupos da oposición

De esquerda a dereita, Jose Luis González, concelleiro de Facenda; Arturo Gándara, presidente da Asociación de Provedores; Marcos Besada, alcalde de Salceda e Carlos Abal, secretario da Asociación de Provedores, asinando o acordo transaccional.  De esquerda a dereita, Jose Luis González, concelleiro de Facenda; Arturo Gándara, presidente da Asociación de Provedores; Marcos Besada, alcalde de Salceda e Carlos Abal, secretario da Asociación de Provedores, asinando o acordo transaccional.

O Xulgado Contencioso Administrativo Nº 3 de Pontevedra ven de homologar o acordo transaccional acadado entre o Concello de Salceda de Caselas e a Asociación de Provedores, que vai permitir o pagamento dos 309.554,89 € bloqueado ata o de agora polos grupos da oposición de Salceda (PP e PSOE). A Asociación de Provedores/as do Concello de Salceda de Caselas, logo da negativa da oposición para aprobar as súas facturas ata en dúas ocasións, tivo que presentar un recurso contencioso administrativo reclamando o cobro das súas débedas o pasado 10 de abril. 

O 15 de maio chegábase a un acordo transaccional entre o Concello e a Asociación de Provedores, para que o pagamento do adebedado puidese facerse canto antes, presentando dito acordo ante o Xulgado o 16 de maio. Tan só uns días despois, o 21 de maio, a xuíza encargada do caso emitiu a homologación do acordo transaccional, autorizando ao Concello para realizar o pago das facturas pendentes. Ponse así fin a un longo camiño de bloqueos por parte dos grupos da oposición, que viñan impedindo cos seus votos que os provedores e provedoras puidesen cobrar polos traballos xa realizados, tal como acontecera xa no ano 2016. O acordo entre as partes vai supoñer o aforro dos xuros de demora e as custas xudiciais.

Dende o Equipo de Goberno de Salceda (Movemento Salceda) lamentan que "a cuestión tivese que rematar por vía xudicial" unha vez máis polo que cualificaron de “afán de bloqueo da acción de Goberno por parte de PP e PSOE”.

O Alcalde, Marcos Besada, manifestou que “PP e PSOE queren gobernar o Concello dende a oposición e basean a súa laboura de oposición na acción de bloqueo ao Goberno". Para o rexedor local, o que fixeron cos provedores e provedoras do Concello por segunda vez "foi verdadeiramente surrealista", impedíndolles cobrar polos traballos realizados, e "empregándoos como chantaxe ante o Equipo de Goberno".

"A Xustiza, unha vez máis, avalou a reclamación dos preovedores e provedoras, como non podía ser doutro xeito” conclúe o alcalde de Salceda de Caselas.