Porriño 2017

Máis da metade dos participantes nos cursos de formación para a automoción, atoparon traballo

O 56% das persoas en situación de desemprego que participaron o ano pasado no programa «Porriño Accede», impulsado polo Goberno local a través da Concellería de Emprego, están traballando. Esa porcentaxe achégase a un 74% no caso das persoas que recibiron unha formación específica para desenvolver traballos dentro do sector da automoción.

En conxunto, en 2017, un total de 67 persoas atoparon traballo logo de ter completado este programa, o que representa o 55,8% de todas e todos os participantes no mesmo, unha proporción que no caso das industrias do sector da automoción é do 73,3% ─con 55 insercións de 75 alumnas e alumnos─.

«Porriño Accede» é un programa municipal de formación con prácticas en empresas, dirixido ás desempregadas e desempregados do Porriño, que proporciona accións formativas de calidade tendo en conta, ao mesmo tempo,as necesidades de emprego das empresas. O obxectivo é facilitar a inserción ou a volta ao mercado laboral de persoas que están en situación de desemprego para o cal asínanse convenios, con diferentes compañías de distintos sectores, por medio dos cales o Concello do Porriño asume o custo da formación e estas firmas achegan o persoal especializado encargado de impartir a mesma.

fomento emprego eva 03

En 2017 participaron neste programa 15 empresas, 8 delas do sector da automoción, por medio dun programa deseñado á medida. Ao mesmo tempo, ás empresas que o desexen tamén poden participar neste programa coa acollida de aspirantes en termos máis axustados, previa formación polo Concello, no marco dun programa avanzado pola empresa que asume o rol de promotora.

Este é o caso do compromiso asumido por Ti Automotive, radicada no Porriño, á que a alcaldesa, Eva García de la Torre, e a concelleira de Emprego, fixeron unha visita o venres pasado, que acolleu e contratou a participantes no programa ‘Porriño Accede’ ofrecendo máis dunha oportunidade laboral a porriñesas e porriñeses que hoxe teñen un posto de traballo.

Eva García de la Torre subliña que por medio de «Porriño Accede», “proporciónase unha alternativa real a colectivos de difícil reinserción laboral pois permite formar a persoas desempregadas en postos demandado polas empresas, garantindo, deste xeito, o acceso ao mercado laboral”.