Porriño 2017

O Porriño amplía a rede de abastecemento a todas as vivendas do Contrasto

O Concello do Porriño conta xa, e en tempo récord, cun proxecto elaborado polo Consorcio de Augas do Louro que permitirá a conexión á Rede de Abastecemento Municipal, das casas do Contrasto, na parroquia de Torneiros, afectadas pola contaminación de lindano e que carecían de dita conexión.

A alcaldesa Eva García de la Torre da cumprimento ao compromiso adquirido coa veciñanza da zona ao acortar, “ao máximo” os prazos para poder contar cun proxecto ─xa coñecido por todos os grupos da Corporación─ que permita que todas as vivendas reciban auga da popularmente coñecida coma «traída» e non dependan da dos pozos para o seu consumo.

A ampliación da rede de saneamento ata “todas e cada unha das casas do Contrasto que aínda non están «enganchadas» ao mesmo, requirirá un investimento, aproximado, duns 350.000”, coma explicou Eva García de la Torre aos voceiros dos grupos municipais nunha xuntanza mantido o pasado venres, día 1.

Esta cantidade, indica a alcaldesa, será asumida na súa totalidade polo Concello do Porriño, algo no que estiveron de acordo todos os representantes da Corporación que amosaron a súa conformidade en que se convoque un Pleno extraordinario no que se aprobe a habilitación urxente dunha partida orzamentaria destinada a este fin. A intención do Goberno municipal es que as obras poidan empezar en 3 meses.

García de la Torre insiste en que, coma sinalou ás veciñas e veciños nas xuntanzas que mantivo con eles, esta solución é para facer fronte, “o antes que nos sexa posible”, ao problema do subministro, “con todas as garantías” ás vivendas do Contrasto, pero en modo algún pretende resolver a acumulación de lindano baixo o chan do Porriño.

Esta última é unha labor que debe acometer a Xunta de Galicia cun “plan cuantificado e orzamentado para, en primeiro lugar, identificar e sinalizar as zonas afectadas en todo o Porriño polo depósito de lindano e, de seguido, dar unha resposta efectiva que acabe coa contaminación e os riscos para a saúde”.

Neste senso, García de la Torre vén de mandar un “oficio” ás consellerías de Medio Ambiente e Sanidade da Xunta de Galicia pedindo que se cumpran as demandas das veciñas e veciños do Contrasto que pediron que, ademais das análises na terra e na auga, se realicen probas médicas de sangue e graxa, entre outras, ás persoas residentes neste lugar para coñecer o seu estado e detectar si o seu organismo está afectado polo lindano.

Así mesmo, a Xunta de Voceiros do Concello, aprobou a proposta de crear unha ‘Comisión de Seguimento do Lindano’, na que ademáis da alcaldesa e os representantes dos grupos da Corporación, se sente, tamén, unha persoa nomeada pola Plataforma de Afectados polo Lindano, que está a piques de constituírse.

Nesta Comisión tamén se invitará a participar á Xunta de Galicia por medio de técnicos das consellerías de Medio Ambiente e Sanidade.

Abastecemento ás casas e nova capa de asfalto
Como adiantara aos veciños na xuntanza que tiveron no Salón de Plenos do Concello o pasado día 17 de novembro, todas as vivendas do Contrasto que so puidesen abastecerse de auga nos seus pozos e carecesen de ‘enganche’ coa rede municipal, teñen xa uns depósitos de emerxencia de 1.000 litros cada un, cun motor, que permite que dispoñan de auga para o lavado de roupa e louza e o aseo persoal. Ademais, faise chegar a cada vivenda auga en bidóns para poder cociñar e para beber, nos dos casos, sen custo algún.

Amais, Concello vén de contratar unha empresa autorizada para o tratamento da terra, seguindo as normas específicas do Servizo de Xestión de Residuos, para que retire a terra nas beiravías e no propio camiño no que se realizaron as obras de saneamento que levaron ao descubrimento da acumulación de lindano, antes de realizar, nuns días, un novo asfaltado, polo miúdo, desta pista, tal e como demandaran veciñas e veciños da zona.