Porriño 2017

O BNG do Porriño solicita a creación dunha Comisión de Seguimento sobre o lindano

O portavoz do BNG no concello do Porriño, Pedro Pereira, vén de solicitar ao Concello porriñés unha reunión dos portavoces municipais para acordar a constitución dunha Comisión de Seguimento sobre o problema orixinado polo achado de verteduras de lindano, comisión que estaría formada polos grupos municipais, a veciñanza afectada e os técnicos da Consellería de Medio Ambiente.

Pedro Pereira asegura que a presenza de lindano “provocou que varios veciños e veciñas tiveran problemas de saúde dado que esta sustancia é perigosa para saúde e altamente contaminante para o medio ambiente”. E lamenta o portavoz do BNG “a falta de información cara aos veciños dende o Goberno”.

No Porriño xa houbo antecedentes de zonas contaminadas por Lindano, –lembra Pedro Pereira o parque da Fase II de Torneiros, 1999– dado que é un concello cunha presenza importante desta sustancia debido a que, no seu momento, foi moi utilizada pola empresa química «Zeltia» para a elaboración de pesticidas.

Por ese motivo, o BNG considera necesaria a constitución dunha Comisión de seguimento formada polos grupos municipais, veciños afectados e técnicos de Consellería de Medio Ambiente, coa finalidade de que haxa unha coordinación nas actuacións entre as distintas administración con competencias na materia e, ao mesmo tempo, unha maior información sobre as actuacións a realizar.

Como prioridade, engade o voceiro nacionalista no Porrño, esta comisión terá que abordar as actuacións a emprender para solucionar a presenza de Lindano no Contrasto-Torneiros “pero tamén solicitar das administracións responsábeis do medio ambiente, os estudios necesarios para saber as localización de zonas do concello do Porriño que poden estar afectadas por vertidos de Lindano”.