Porriño 2017

Vinte persoas desempregadas do Porriño participan no Obradoiro de Emprego «Covelo II»

20 persoas do Porriño, que estaban na procura de emprego, poderán traballar e adquirir formación como técnicos de Atención Sociosanitaria en Domicilio e Institucións e Auxiliares da Construción, no obradoiro de emprego «Covelo II» que comezará as súas actividades o vindeiro venres e se alongarán ata xullo de 2018.

A actividade formativa foi presentada na mañá de hoxe na sede de Porremprego, no Multiusos de Torneiros, polo delegtado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves e pola concelleira de Emprego, Benestar e Igualdade do Concello do Porriño, Soledad Girón, acompañados polo xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, e a directora do obradoiro, Begoña Echegaray, que deron a benvida aos alumnos/as traballadores/as.

Soledad Girón subliñou a importancia da colaboración entre diferentes administracións para “crear emprego” e, cualificou de “esencial” a formación coma canle para aumentar as posibilidades de voltar ou introducirse no mercado laboral. A concelleira lembrou que este obradoiro é un bo exemplo desa colaboración posto que a súa realización é posible grazas a achega de 280.000€ por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, cantidade á que hai que sumar 45.000 € que aporta o Concello do Porriño.

Girón indicou que os 20 participantes neste obradoiro teñen un contrato laboral de formación, obterán un certificado que vailles permitir acreditar, oficialmente, que contan cos coñecementos que adquirirán no mesmo e, subliñou o feito de que a ampliación deste contrato pasa de 6 meses, que era o habitual doutros ans, aos 9 meses actuais o cal “ademais de mellorar a súa preparación fai que adquiran dereitos que non terían cun contrato de so 6 meses de duración”.

obradoiro emprego covelo II 02

A concelleira sinalou que o Goberno local está a impulsar, ademais da colaboración co Goberno de Galicia e a Deputación de Pontevedra, a sinatura de convenios formativos con empresas privadas que permitiu que ducias de persoas estean traballando.

Froitos destas iniciativas, dacordo cos datos publicados a principios deste mes polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social,a taxa de desemprego situouse no Porriño no 18%, 6 puntos menos que cando o actual Goberno Local empezara o seu mandato: daquela a porcentaxe do paro estaba no Porriño por riba do 24% e 2.139 veciñas e veciños estaban na procura dun posto de traballo, preto de 500 máis que na actualidade.

Soledad Girón reiterou que a creación de emprego “é a prioridade número un deste Goberno local” e repetiu que todas as xestións e os recursos municipais están orientados a esta finalidade, algo que está a funcionar posto que O Porriño pechou setembro con 1.654 persoas desempregadas, unha realidade que non se vía dende hai case unha década e en so un ano “o paro reduciuse na preto de 5,5 puntos”, un dato inédito.