Porriño 2017

A Policía Local do Porriño vixiará o estrito cumprimento da Ordenanza de Convivencia

O Porriño está disposto a rematar cos veciños e veciñas, escasos que todo hai que dicilo, que están empeñados en romper a convivencia cidadá da maioría e que, como tamén acontece noutros lugares, «pasan» de cumprir coas máis elementais normas cívicas, como é a recollida dos excrementos dos cans ou deixar refugallos fora dos colectores.

Nese sentido, as Concellerías de Seguridade e Limpeza do Concello do Porriño veñen de iniciar unha campaña de sensibilización de concienciación ambiental que, amais dos aspectos anteriormente sinalados, inclúe o coidado dos espazos públicos tanto do casco urbano como das parroquias prestando, por outra banda, unha especial atención a recalcar a importancia da separación selectiva de residuos.

Neste último aspecto, sinalan dende o Concello que se trata de “promover e potenciar o valor e a necesidade social da reciclaxe, potenciando o papel activo das veciñas e veciños”. Para acadar este fin o Concello do Porriño facilitaralles a súa colaboración “coa finalidade de mellorar a separación do lixo, xa na casa, así como o correcto verquido dos refugallos orgánicos que será, obrigatoriamente, en bolsas que teñen que deixarse nos colectores que o Concello ten para elo”.

limpeza colectores02

Doutra banda, como xa adiantara no seu momento con motivo da colocación das novas papeleiras o concelleiro de Limpeza, Orlanzo Márquez, a Policía Local está a realizar xa “unha especial vixilancia da recollida por parte dos seus donos dos excrementos que os cans deixen nas rúas”.

Neste eido, o novo xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez lembra que a propia Ordenanza Municipal Reguladora da Convivencia Cidadá, Limpeza de Vías Públicas e Recollida de Residuos “contempla sancións de ata 1.500 € polo seu incumprimento”.

O novo xefe da Policía Local, logo de que se repetisen os casos de aparición fora dos lugares sinalados ou en días e horas que non son os regulamentados de desproveitos voluminosos, lembra que para a súa recollida “é preciso avisar ao Concello, fixando o día e a hora para que se faga a retirada, atopándose o Punto Limpo habilitado no Polígono da Granxa, de luns a venres,en horario de mañá”.

Tamén no caso de que se deixen estes refugallos voluminosos, como mobles, restos de obras e sobrantes de materiais de construción ou electrodomésticos, fora dos lugares indicados, ou en horarios que non foran pechados co servizo municipal de Limpeza, os axentes da Policía Local procederán a realizar a correspondente denuncia.