Porriño 2017

O BNG do Porriño celebra un acto aberto en Budiño

Pedro Pereira, portavoz do BNG do Porriño Pedro Pereira, portavoz do BNG do Porriño

O BNG do Porriño desenvolverá, o vindeiro xoves, 14 de setembro ás 20:30 horas, un acto aberto no Centro Cultural A Forna, na parroquia de Budiño. O acto, aberto á veciñanza e colectivos parroquiais, ten o obxectivo de tratar temas de importancia para a parroquia como son os relativos a augas, montes, deportes, cultura, servizos e territorio.

O Consello local do BNG do Porriño acordou iniciar unha rolda de actos nas distintas parroquias do Concello do Porriño "coa finalidade de escoitar ao tecido asociativo das parroquias que desenvolve a súa actividade nos sectores da cultura, traídas de auga, deporte, montes e de servizos veciñais en xeral", aseguran.

Dende o BNG considérase que “o Goberno actual non está valorando na súa xusta medida a labor que desenvolven as distintas directivas dos colectivos veciñais”. No que fai referencia a Cultura e Deportes, sinalan os nacionalistas, “non é suficiente contar cunha partida orzamentaria, nos presupostos prorrogados do 2012, para asinar os distintos convenios culturais ou deportivos” xa que, explica o BNG, é preciso que estes convenios sexan asinados “no primeiro trimestre do ano e non no terceiro ou cuarto como acontece nos últimos anos”. Doutra banda os BNG porriñés matiza que, neste eido, “o Goberno debe adecuar as partidas orzamentarias a realidade actual de cada entidade e non actuar en función da demanda individual sen aplicar criterios de equidade no reparto dos fondos públicos”.

Reclaman tamén os nacionalistas que se recoñeza dende a propia Administración Local “o traballo realizado ao longo dos anos polas distintas directivas das traídas de augas formadas nas parroquias, con maior ou menor número de usuarios” e, como consecuencia e preciso, aseguran, “iniciar un programa de colaboración entre o Concello e as directivas das traídas de auga”.

O BNG subliña a necesidade “dun novo PXOM que atenda a realidade actual” tendo en conta que o Plan de Ordenación Municipal actual é do 2003. Dende esa perspectiva, o BNG nestas reunións, busca explicarlles “aos veciños e veciñas cales son as liñas xerais que entende o BNG se deben aplicar a un novo ordenamento territorial”.

Finalmente pídese un “cambio de actitude do Goberno local” no que atinxe aos Montes Veciñais en Man Común xestionados polas Comunidades de Montes, e inciden os nacionalistas na necesidade de “deixar a confrontación e iniciar o camiño do dialogo e recoñecer que os montes veciñais son dos veciños de cada parroquia”.