Porriño 2017

O Goberno do Porriño culpa ao PP de que os provedores non cobren

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e o tenente de alcalde, Manuel Carrera, compareceron este mércores en rolda de prensa para sair ao paso do que a rexedora cualficou de "mentiras e insidias” do Partido Popular local que, nas últimas datas, acusou, por medio do seu presidente, Manuel Alejandro Lorenzo, ao Goberno local de ‘fraude’ en relación coas facturas pendentes de pago a proveedores do Concello.

García de la Torre adiantou que esta sería a “primeira e única vez” que respostaría aos populares sobre este tema que, lembrou, xa explicara voluntariamente diante do Pleno da Corporación e no que, sinalou amosando a resolución, fora xa arquivado polo Tribunal de Contas en xaneiro deste mesmo ano.

A alcaldesa amosou as caixas coas “numerosas” sentencias xudiciais que condenaron ao Concello do Porriño, durante o mandato do anterior goberno, do cal Manuel Alejandro Lorenzo era concelleiro, ao pago de facturas a distintas empresas e autónomos por servizos prestados e que non foron abonados polo propio Concello, e ofreceu aos xornalistas unha relación, moi polo miúdo, dos recoñecementos xudiciais de creto impulsados polo goberno presidido por Nelson Santos, entre 2010 e 2014, e que supuxeron o pago por parte do Concello do Porriño de más de 9,5 millóns de euros en facturas.

García de la Torre e Carrera lembraron que, “na máxima expresión do cinismo, do descaro e da sinverzonza”, o Partido Popular fora quen de, primeiro votar en contra no Pleno da Corporación de pagar 1,7 millóns en facturas xeradas durante o seu mandato e, de seguido, denunciar diante do Tribunal de Contas a resolución da propia Corporación na que se aprobaba o pago das devanditas facturas, “un feito inédito que amosa que o PP está disposto a todo con tal de paralizar o funcionamento do Concello, un comportamento que só e exclusivamente perxudica ás veciñas e veciños do Porriño”.

Como proba deste proceder do Partido Popular, García de la Torre amosou os xuros e gastos de más de 525.000 € que o Concello do Porriño tivo que abonar “pola teima do anterior Goberno local” de non cumprir cunha sentencia xudicial do ano 2009 que condenaba ao Concello a pagar unha cantidade de pouco máis de 533.430 €. “Esos 525.000 € abranguen 28.319€ en costas e 32.650€ e gastos de avogados”, á vista desta sentencia.

A alcaldesa e o tenente de alcalde quixeron deixar craro, “para tranquilidade dos porriñeses, e dos nosos proveedores” que  O Porriño é un concello solvente que tén máis de 9 millóns e medio de euros ‘no banco’ logo de que o actual Goberno municipal herdase unha débeda de 1,3 millóns e sinalaron, directamente, ao Partido Popular de ser o responsable, “fundamental e a sabendas do que fai”, de evitar o pago das facturas pendentes ás pequenas empresas e autónomos que prestaron os seus servizos ao Concello e que agora, “por ese bloqueo, constante e interesado do PP”, terán que cobrar esas débedas por vía xudicial o que fará que as porriñesas e porriñeses teñan que pagar, “ademáis desas débedas, intereses de demora e custos dos xuizos”.

Eva García de la Torre e Manuel Carrera adeiantaron que o vindeiro luns, día 12, o Goberno local proporá á Corporación o recoñecemento extraxudicial de creto por un total de 1.780.000 € en facturas que adebeda o Concello na actualidade, na súa meirande parte a pequenas empresas e traballadores autónomos do Porriño e pediron, de novo, ao PP, que non impida que as mesmas “cobren por uns subministros e servizos que teñen prestado ao Concello”.