Porriño 2017

«VI Mercado Saudable» e «XIV noite do Calacú», o sábado no Porriño

O Mercado Saudable, foi presentado este mércores pola alcaldesa, Eva García de la Torre; o concelleiro de Comercio, Marcelino Coto; os seus organizadores, e os responsábeis da Asociación Veciñal San Sebastián e San Benito que, coincidindo co mercado organizan una nova edición, a 14ª da «Noite do Calacú», para celebrar a festa do Samaín.

Marcelino Coto lembrou que este Mercado Ecolóxico é o que estaba previsto para o pasado mes de abril, e que fora aprazado por mor das malas condicións climatolóxicas, e lembrou a súa a importancia "atraendo cada ano a centos de persoas interesadas na vida sa, os produtos ecolóxicos e as propostas dos especialistas que estarán nesta feira”, sinalou o concelleiro.

Coto chamou a atención sobre o feito de que esta cita chega da man doutras dúas moi salientables: o Calacú e o inicio do Pinchorriño, “o que fará que teñamos unha grande cantidade de visitas no Porriño ao tempo que ofrecemos os nosos produtos e amosamos o bo facer dos comerciantes e hostaleiros locais”.

As alternativas que poderán atopar as persoas que se acheguen ao Porriño este domingo abranguen dende alimentación, terapias alternativas, cosmética, panadería ecolóxica, cervexa artesán ou batidos de froitas.

Os organizadores da Feira, sublimaron que o obxectivo é “fomentar a alimentación e a vida saudábeis, a reciclaxe e o ecoloxismo” por medio dun mercado que é completamente sostible e que ofrece obradoiros para cativos, taller de cabazos, ou castañas asadas.

A Noite do Calacú
Ao mesmo tempo que o Mercado Ecolóxico, no Paseo de San Benito, e da man da Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián, celebrarase a agardada ‘Noite do Calacú’, na que as rapazas e rapaces gozan do Samaín.
O pregoeiro deste ano será José Vaqueiro Pazos, quen dirixirase aos asistentes ás 7 da tarde; dará paso, ás 7 e media, ao nomeamento de José e Fita coma cabaleiro e dama do Calacú; ás 8 da tarde empezará o grande desfile do Calacú e ás 8 e media o Gran Magosto de Castañas, viño e auga.

Ademáis, como sinalou a presidenta da Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián, ás 5 empezará o obradoiro para nenos e durante toda a tarde a animación estará a cargo da charanga Cantos somos.

A alcaldesa, encargada de pechar a presentación, invitou a todos as veciñas e veciños da Área Metropolitana a achegarse ao Porriño e gozar o sábado dunha “oferta variadísima, interesante para todos, que propón algo que debe ser unha prioridade: dunha beira ter unha vida sa por medio dunha alimentación equilibrada e natural e doutra fomentar a diversión, o lecer e a xuntanza entre os veciños”.