Porriño 2017

O Porriño vive, esta fin de semana, unha nova edición de «Merca na Rúa»

O Porriño vive, hoxe sábado e mañá domingo unha nova edición de «Merca na Rúa», unha auténtica feira de oportunidades, plenamente consolidada e que desenvolve por iniciativa da Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño, Acipor, en colaboración co Concello porriñés. O evento fora presentado esta pasada semana polo concelleiro de Comercio, Marcelino Coto, xunto coa xerente da Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR), Noelia Conde, e membros da directiva da asociación.

Marcelino Coto, na presentación, gabou a "excelente saúde" que ten esta feira de oportunidades e amosouse encantado "de que estea tan preto de chegar ás vinte edicións". O concelleiro asegurou que a fin de semana o tempo acompañará ao evento e non terá que suspenderse coma, por mor da borrasca ‘Félix’ tivo que facerse coa anterior cita, e invitou "a todas as veciñas e veciños do Porriño e dos concellos do redor que se acheguen ata aquí e, ademais de dar un paseo aproveiten as oportunidades que estarán á venda”.

Coto lembrou que o Concello , en edicións anteriores, o Concello asume os custes de alumeado, limpeza, os inchábeis para os cativos e a vixianza de seguridade dos postos, para que os expositores non teñan que recoller e desmontar os mesmos pola noite, unha labor de garda na que desempeñará un papel esencial a Policía Local.

Noelia Conde, pola súa banda, sinalou que as persoas que se acheguen a «Merca na rúa» terán ofertas de óptica, complementos, zapataría, zapataría de cativos, deportes, mesmo lencería, en 20 postos e con rebaixas de entre o 50 e o 70 por cento.

A xerente de Asociación de Comerciantes salientou que a feira, que ocupará, como xa era tradicional, a rúa peonil do centro do Porriño, estará aberta o sábado de 10 da mañá a 9 e media da noite e o domingo de 11 da mañá a 8 e media da tarde, os dous días de xeito ininterrompido.