Porriño 2017

O Parlamento Europeo interesase sobre a contaminación de lindano no Porriño

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo vén de iniciar o examen da petición presentada por EU-Son sobre a contaminación de lindano no Porriño. A petición presentada por EU-Son ao considerar dita comisión "que cumpre cos requisitos ao tratarse dun asunto que incide no ámbito de actividades da Unión Europea". Amais, a presidenta da Comisión, Cecilia Wikström, informou que se solicitou á Comisión Europea "que leve a cabo unha investigación preliminar sobre os diferentes aspectos do problema".

A decisión adoptada por Cecilia Wikström, realizase sobre a base da información presentada por EU-Son. Asimesmo Wikström deu conta que que a Comisión "decidiu transmitir a petición á Comisión de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria para información".

EU-Son amosou a súa satisfacción xa que consideran que "o problema do lindano debe afrontarse dende todas as institución e, dende logo, dende Europa, sen a cal será imposible unha solución integral do problema".

Resumo da petición
A petición explica á Comisión de Peticións a presenza de lindano, "unha substancia química carcinógena que anteriormente se atopaba de maneira habitual en insecticidas, no municipio do Porriño, España. Ao redor de 60 anos atrás, unha empresa privada fabricaba lindano nunha planta próxima á zona, acumulou máis de 1.000 toneladas desta substancia e non as eliminou correctamente. Actualmente, esta zona é residencial e o peticionario está preocupado polo risco sanitario para a poboación da zona, posto que o lindano está prohibido na maioría de países da Unión. Afirma que as autoridades non levaron a cabo ningunha acción a pesar da prohibición. O peticionario tamén expresa a súa preocupación respecto da contaminación do río Louro, que atravesa O Porriño. Insta as institucións europeas a que protexan a rexión, garantindo que as autoridades españolas realicen unha investigación sobre a presenza de lindano na zona e establezan os plans de acción esixidos polo Directiva marco sobre a auga, a fin de eliminar as substancias perigosas. O peticionario tamén pide que se fixen determinados límites para a presenza de HCH na auga destinada ao consumo humano e que a Comisión Europea propoña lexislación sobre a protección do chan".