Porriño 2017

García de la Torre comprométese cos empresarios da Granxa a realizar melloras no polígono

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, co presidente dos empresarios da Granxa, Indalecio Cuevas A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, co presidente dos empresarios da Granxa, Indalecio Cuevas

Aumentar a seguridade vial coa construción de tres novas rotondas, controlar o cumprimento da ordenanza municipal que limita as horas de estacionamento de camións ou que o transporte metropolitano chegue ata o polígono industrial, foron algún dos temas tratados pola alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e empresarios da Entidade Urbanística de Conservación da Granxa, co seu presidente, Indalecio Cuevas, á cabeza, nunha xuntanza que as dúas partes cualificaron de “moi positiva”.

Os empresarios trasladáronlle á alcaldesa os asuntos principais tratados hai días na Asemblea Xeral da Entidade Urbanística de Conservación da Granxa, entre os que cabe salientar a necesidade urxente, coma sublimaron os empresarios e a propia García de la Torre, que “entre xa en funcionamento a extensión do transporte metropolitano ata o polígono industrial”, no que traballan milleiros de persoas e polo que circulan, a diario, varios milleiros máis.

Outro asunto tratado na xuntanza foi o da necesidade de suprimir a peaxe de AP-9 para camións no treito Vigo-O Porriño. As dúas partes salientaron que é unha oportunidade para aproveitar mellor as infraestruturas, posto que “ademais de optimizar o uso da autoestrada rebaixaríase a densidade de tráfico da A-55”.

Outra das demandas dos empresarios da Granxa, da que informaron á alcaldesa, é a necesidade da construción e posta en funcionamento dunha Central de Transporte na Área de Vigo, “a ser posible no Porriño”, que dea servizo ao sector, sendo esta unha iniciativa que está en mans do Consorcio da Zona Franca de Vigo onde xa hai partida orzamentaria para facelo.

Gardería para o polígono industrial
Na reunión mantida coa alcaldesa do Porriño, tratouse tamén unha das demandas que os empresarios viñan reclamando dende hai tempo, unha gardería na Granxa. Neste senso informouse á alcaldesa que a Entidade Urbanística de Conservación da Granxa, colabora coa Consellería de Política Social, para poder dotar ao polígono desta escola infantil. Eva García de la Torre ofreceu a colaboración do Concello para poñer unha parcela dotacional municipal, no PPI6 sector 2, ao servizo desta iniciativa.

Por último, a alcaldesa amosou a súa total disposición á seguir realizando melloras, “de xeito continuado”, nas estradas, beirarrúas, limpeza e mantemento de zonas verdes que, para os empresarios é un tema de grande importancia, en especial para os usuarios e traballadores do parque empresarial.