I Forum Transfronterizo

Porriño 2017

Alcaldesa do Porriño e veciños da «zona cero» reúnense co presidente da Confederación Hidrográfica

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, xunto coa concelleira de Seguridade, Lourdes Moure, e veciños da «Zona Cero» do Contrasto mantiveron este venres unha xuntanza en Ourense co presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, coa finalidade de tratar, entre outros temas, a situación actual das vivendas deste lugar da parroquia de Torneiros, na que apareceron refugallos de lindano, e entremediar en relación co selado dos pozos das mesmas.

Francisco Marín escoitou os argumentos das veciñas e veciños e as explicacións da alcaldesa, quen solicitou que a Confederación Hidrográfica non procederá a selar os pozos ata que non se rematasen as obras que van a levar a rede municipal de abastecemento de auga ata todas as casas do Contrasto.

Marín amosou o seu interese polas opinión que se lle expuxeron e expresou a súa conformidade a que aqueles veciños que non teñan problemas coa calidade da auga, poidan legalizar os seus pozos.

Rematada a reunión, a alcaldesa convocou unha xuntanza con todas as veciñas e veciños o vindeiro martes, día 12, ás 20:30 horas, na Asociación San Salvador de Torneiros, para “explicarlles polo miúdo o contido da reunión co presidente da Confederación Hidrográfica, escoitar as súas propostas e respostar ás súas preguntas”.