Porriño 2017

O Goberno do Porriño pide á Xunta que poña remedio á situación "denigrante" do «Faibus»

O Goberno local do Porriño vén de esixir á Xunta de Galicia que corrixa "de xeito inmediato" a actual situación que teñen que soportar os porriñeses con diversidade funcional que non poden empregar os autobuses de «Faibus» para desprazarse de Vigo a O Porriño. A alcaldesa, Eva García de la Torre, facéndose eco das denuncias de numerosas persoas, cualifica de “intolerable e inxustificable” o feito de que os autocares que fan este servizo conten no seu interior con espazos acaídos para persoas con diversidade funcional e non estean preparados para que estas persoas poidan subir ao bus con unha cadeira de rodas.

A xuízo de García de la Torre, esta situación é “denigrante e vexatoria” e subliña que dentro dos buses está sinalizada unha parte reservada para estas cadeiras, e que as mesmas contan cos métodos de subxección e os botóns de aviso para solicitar as paradas adaptados a persoas con diversidade funcional, pero que, coma recoñecen os mesmos condutores destes vehículos, os mesmos non teñen rampla de acceso para que sexa posible que as persoas en cadeira de rodas suban ao bus algo que é “ridículo e vergoñento”.

A alcaldesa lembra que hai xa dous anos que veciños do Porriño con diversidade funcional manifestáronse para esixir que rematase esta discriminación que os obriga a empregar un coche particular, ou a ir en taxi, cando teñen que ir a Vigo para facer algún trámite ou acudir ao médico, e insiste en que “neste tempo a Xunta non tomou medida algunha”.

García de la Torre sinala que á Xunta “éncheselle a boca falando das bondades do transporte metropolitano que, por certo, pagamos en unha porcentaxe moi importante os concellos, pero non garante que poidan beneficiarse do mesmo todas as persoas por igual”.

Na súa opinión, o Goberno de Galicia limitouse a poñer en marcha un plan de transporte procurando, unicamente, que “fose o máis barato posible, pero non se preocupou de que todos os cidadáns puidesen facer uso del”.