Mos esixe o remate das obras de mellora da seguridade viaria na A-55

A Corporación local de mos, sen fisuras, apoia as mobilizacións para esixir, dunha vez por todas, a reanudación das obras de mellora da seguridade viaria da A-55 A Corporación local de mos, sen fisuras, apoia as mobilizacións para esixir, dunha vez por todas, a reanudación das obras de mellora da seguridade viaria da A-55

Medio milleiro de persoas, segundo estimacións da Policía Local de Mos, entre particulares, veciños e veciñas de Mos e doutros municipios, xunto con representantes de entidades, organismos e asociacións de Mos e de fóra de Mos, encabezados pola Corporación Municipal de Mos en pleno e pola súa alcaldesa, Nidia Arévalo; acudiron esta tarde a manifestarse á Praza do Concello para reivindicar o remate das obras de mellora viaria da A-55, que levan preto de dous anos paralizadas.

Arévalo agradeceulles a todos os presentes “o esforzo realizado por estar aquí unha tarde de venres para apoiar ao Concello na defensa dos dereitos e dos intereses de Mos, da Área Metropolitana, e de tódolos condutores e condutoras que transitan pola A-55”.

A rexedora local quixo agradecer “a todos os membros da Corporación Municipal, e en especial aos compañeiros dos grupos políticos do BNG, PSOE, GañaMos e ó concelleiro non adscrito, Emilio Muíños, por estar todos unidos nesta que considero é unha noble causa". Do mesmo xeito, Nidia Arévalo tivo palabras para "as e os corporativos de Concellos veciños que quixeron apoiarnos e se desprazaron ata aquí. Neste intre, por riba dos intereses de partido, únennos os intereses do noso municipio e a bandeira de Mos”.

Durante a concentración a rexedora local mosense fixo lectura dun comunicado consensuado por toda a Corporación Municipal, no que se reclamaba “a reanudación das obras de mellora da seguridade viaria na Autovía A-55 por parte da Dirección Xeral de Estradas do Estado, xa que desde a construcción desta Autovía, históricamente xa constan nos libros de actas de sesións plenarias, as preocupacións e demandas das distintas Corporacións, das deficiencias en materia de seguridade e a solicitude de melloras e servizos que a día de hoxe non se cumpriron na súa totalidade”.

O Certo é que o Concello de Mos padece as consecuencias de estar atravesado pola vía máis perigosa de Galicia e unha das que teñen a dubidosa honra de estar no top ten, das vías máis perigosas de España. Hai preto de tres anos (o 26 de outubro de 2015) comezaban unhas obras de mellora da seguridade viaria que, case que un ano despois, quedaban paralizadas. Dita interrupción traduciuse nun incremento dos accidentes, aínda máis numerosos que antes se cabe, (hai máis sinistros que nunca, iso é unha realidade), ademais de multitude de problemas e deficiencias nos accesos dende a Autovía.

Mos trátase do Concello máis afectado por esta infraestrutura viaria, tanto polos sinistros entre vehículos que diariamente se producen na Autovía e que son asistidos polo Servizo Municipal de Emerxencias e pola Policía Local, como polos accesos, entre eles o do barrio de San Eleuterio en Tameiga, cuxa situación empeorou respecto de antes do inicio da obra, véndose aínda máis deterioradas a iluminación e a sinalización horizontal nesta zona.

Tal e como sinala o Concello de Mos, o atraso nestas obras, non só afecta aos veciños e veciñas de Mos, senón a tódala veciñanza da Área Metropolitana, xa que pola autovía transitan, todos os días, milleiros de persoas que se dirixen dun municipio a outro, indo ou regresando dos seus postos de traballo. Por unha autovía que a data de hoxe carece de sinalización horizontal na práctica totalidade do seu trazado, co perigo e confusión que iso implica para os conductores, na que non están claros os límites de velocidade debido ás obras interrompidas, ... etc.

No manifesto municipal ao que lle deu lectura esta tarde, Nidia Arévalo destacaba que “non é prato de bo gusto para a Corporación Municipal, independentemente da cor política, mobilizar á veciñanza por tan triste realidade como é o incumprimento reiterado por parte da Dirección Xeral de Estradas do Estado da data comprometida para a reanudación das obras de mellora da seguridade viaria. Pero tamén somos realistas e sabemos cando, chegados a un punto, hai que pasar a acción e non quedarse con promesas vagas de datas futuras que nunca chegan. Tras preto dunha decena de datas de reinicio das obras incumpridas, o pasado 1 de marzo reuninme en Madrid co Director Xeral de Estradas de España, Jorge Urrecho Corrales, para tratar de novo a reanudación das obras de mellora da seguridade viaria na autovía A-55 e soliciteille o compromiso de que se fixera nunha data inmediata. Logramos a promesa incumprida de que se retomarían os traballos durante o mes de marzo e hoxe, 13 de abril, non existe indicio algún do cumprimento daquela promesa. É por elo que dende o Concello consideramos que o pobo de Mos non se podía quedar de brazos cruzados e que todos a unha, veciños e veciñas mosenses unidos, (co ben recibido apoio de tódalas persoas e entidades de fóra que hoxe solidariamente nos acompañan) tiñamos que esixir o remate das obras de mellora da a-55 xa”.

A alcaldesa insistiu en que “xa está ben de ser un Concello arrasado por infraestruturas sin que a ninguén lle importen as consecuencias para os seus veciños”. “Aplaudimos a decisión da realización destas obras de mellora que incrementarán en moito a seguridade viaria, pero denunciamos o retraso na súa acometida que está a agravar os problemas preexistentes nesta autovía”, concluía o seu manifesto.

Por último Nidia Arévalo informou de que “desde o Concello durante os últimos días non cesamos en intentos de que as obras se reanudasen, facendo xestións con con distintas administracións. Concretamente remitindo sendas cartas ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e ao Delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, para trasladarlles o malestar do Concello de Mos con esta grave problemática e pedirlles intermediación ante a Dirección Xeral de Estradas do Estado e ante o Ministerio de Fomento para tentar poñerlle fin a esta situación canto antes, polo ben de todos”.

A rexedora mosense insistiu en que “oxalá que o inicio das obras chegue máis pronto que tarde, pero de non ser así non cesaremos nas nosas mobilizacións ata conseguilo”. E anunciou que a vindeira acción á que se convoca á cidadanía está programada para o vindeiro venres 20 de abril ás 20.00 horas e consistirá nunha comitiva que partirá camiñando desde A Curuxeira.