Mos propón o esquí en familia para reforzar os lazos no tempo de lecer

A Concellería de Participación Cidadá do Concello de Mos, que dirixe Julia Loureiro, vén de organizar unha nova actividade dentro do programa denominado «Ocio en Familia», trátase dunha excursión a estación invernal de Leitariegos en León, coa que se busca "impulsar a convivencia dos nenos ou nenas coas súa familia". A actividade se desenvolverá no mes de marzo e abrirá o seu prazo de inscrición mañá martes, 13 de febreiro.

As familias terán a oportunidade de descubrir o turismo en familia con nenos e nenas, dado que esta estación  é un lugar axeitado e orientado a eles, xa que está plenamente adaptado ás súas necesidades no que se refire a instalacións, servizos e programas de actividades  ideais para a iniciación ao deporte do esquí e o snowboard.

Os destinatarios desta viaxe son os membros das unidades familiares do municipio de Mos con nenos e nenas que teñan idades comprendidas entre os 6 e 14 anos, ampliándose ao resto da poboación se quedasen prazas vacantes. O prazo de inscrición abrirase mañá, martes 13 de febreiro, e renatará o día 5 de marzo. As familias interesadas en participar deberán presentar a súa solicitude no Rexistro do Concello neste período de tempo.

As prazas serán adxudicadas por orde de entrada da solicitude no Rexistro do Concello ata cubrir o límite total das 55 prazas, sendo necesario conseguir un mínimo de 35 participantes para poder realizarse, tendo prioridade as persoas empadroadas no Concello. A lista de admitidos publicarase o día 6 de marzo e a viaxe terá dende o venres 9 de marzo ata o domingo, 11 do mesmo mes.

As modalidades de participación na actividades son: Modalidade A con curso esquí, aluguer de equipos, viaxe, pensión completa e seguro de accidentes; ten un prezo de 146 euros adulto e 100 euros neno/a. Modalidade B con aloxamento en pensión completa, Forfait, material e seguro en Pistas; ten un prezo de 136 euros adulto e 90 euros neno/a. Modalidade C con aloxamento en pensión completa, Forfait e seguro en pistas; ten un prezo de 112 euros adulto e 76 euros neno/a. Modalidade D con aluguer de equipos, viaxe, pensión completa, seguro de accidentes, seguro en pistas e plus por material para snowboard; ten un prezo de 171 euros adulto e 125 euros neno/a.

Para todas as modalidades inclúese: aloxamento de fin de semana (dúas noites, de venres e sábado, e de sábado a domingo), pensión completa: dúas ceas (venres e sábado), dúas comidas (sábado e domingo), e dous almorzos (sábado e domingo), viaxe en autocar ata o destino e retorno, seguro de accidentes e seguro de  viaxe, seguro de accidentes en pista, e dous días de remontes (Forfait) na estación de Leitariegos.