A Xunta investiga, a petición do Concello, unha posible afección por lindano en Mos

A Xunta de Galicia está a realizar en Mos, dende o pasado mes de decembro, unha análise de lindano en determinadas zonas do termo municipal, tras a solicitude realizada nese sentido pola administración local. O estudo pretende garantir á veciñanza mosense que non exista rastro de contaminación por lindano nas zonas do termo municipal máis próximas ao porriñés polígono de Torneiros, como son Pereiras e Sanguiñeda.

Dentro da parroquia de Pereiras analizase de xeito pormenorizado a contorna da empresa Syngenta no barrio de San Rafael e ao redor da Avenida da Florida e da Estrada PO 331 Porriño-Gondomar; a zona do Cristo de Belén en torno á rotonda que enlaza coa PO 331 e o núcleo de Agueiro e, en Sanguiñeda, na Avenida de Sanguiñeda na contorna do Colexio Mestre Valverde Maio.

A empresa que está a realizar o estudo, que ten unha duración de tres meses, é Eptisa Servicios de Ingeniería, contatada pola Xunta, que realiza un estudo detallado dos solos e augas das zonas enumeradas, que son as que poderían ser sensibles de conter algún vestixio de contaminación por lindano.

O informe de afeccións de contaminación de solos e augas subterráneas asociadas nas zonas anteditas, constará de investigación analítica exploratoria, avaliación documental e valoración da situación ambiental, do que se extraerá unha valoración final dos resultados obtidos e accións e/ou medidas futuras a adoitar de ser necesario. Nas zonas predefinidas a estudar, que son as antes mencionadas, localizaranse uns puntos de control en base ao estudo histórico; para cuxa localización elabórase a cartografía necesaria para identificar correctamente a súa ubicación.

O Concello de Mos conseguiu que as Consellerías de Medio Ambiente e Sanidade, que traballan conxunta e coordinadamente para protexer a saúde da poboación na problemática do lindano, puxesen en marcha este estudo pormenorizado que disipe calquera dúbida a este respecto para tranquilidade da veciñanza do municipio.

A este respecto a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, apuntaba a existencia “de algún partido político da oposición xa está a mover fíos sobre o asunto do lindano" e pide "que non se cree unha alarma social para satisfacer intereses políticos”. Arévalo, insistiu esta mañá en que “como alcaldesa fun a primeira en tomar medidas neste asunto demandando á Xunta o pertinente informe, polo tanto agora dende esta Alcaldía non se tolerará que ninguén veña a dar ordes ou dicir o que hai que facer ou como hai que actuar -para beneficiarse políticamente-, posto que os pasos correctos xa están dados”.