A «Alborada Camiño da Rosa», de Xulio Lorenzo, Himno Municipal de Mos

O vindeiro día 18 de decembro o Pleno de Mos tratará a aprobación inicial do que será, en caso de consideralo así a Corporación, o Himno Municipal. Trátase de «Alborada Camiño da Rosa» unha peza composta polo gaiteiro Xulio Lorenzo en 2014 e que foi presentada, o mesmo ano, durante a «Festa da Rosa» nun acto colectivo no que Xulio Lorenzo estivo acompañado de todas e todos os gaiteiros de Mos.

A alcaldesa Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, explcaron que, logo da aprobación plenaria, publicarase no Boletín Oficial da Provincia para, posteriormente, abrirse o período de exposición pública, tempo durante o que os interesados poderán efectuar as alegacións que estimen oportunas.

Xulio Lorenzo ten composto varias obras adicadas ao seu pobo, tal é o caso da Muiñeira de Mos (que compuxo en 2013 e presentou no festival «BailaMos» dese ano), a Danza de Alfacuca (adicada a un dos seus primeiros mestres, Juan «O Chapela», veciño de Louredo que ten preto de 90 anos de idade) e o Pasacorredoiras da Torroeira (que é o lugar da parroquia de Louredo onde Xulio vive).

Lorenzo ten ás súas costas unha ampla traxectoria musical coa gaita como instrumento. Leva tocando a gaita dende os 12 anos e a data de hoxe son xa 25 os anos durante os que este instrumento o acompaña. No 2009 comezou a adicarse profesionalmente á música e este mesmo ano 2017 grabou o seu primeiro disco titulado «Cantos da Ialma», que presentou e estreou o pasado 20 de maio no Teatro Afundación (antes Teatro García Barbón) de Vigo cun gran éxito de afluencia tanto nese concerto coma na xira de presentación que constou doutros seis concertos máis, entre eles o da Festa do Viño de Salvaterra e o da Festa do Marisco en O Grove. Este, o seu primeiro disco, foi grabado coa colaboración da Banda de Gaitas Xarabal de Vigo á que pertenceu Xulio entre os anos 1997 e 1999.

O Himno Municipal
A «Alborada Camiño da Rosa», inspirouse, segundo o seu propio autor explica, no lema turístico do Concello, «Mos, a rosa do Camiño». Indica Xulio Lorenzo que se trata dunha peza popular "sen demasiadas complicacións técnicas para que sexa relativamente sinxela de tocar para calquera músico mosense independentemente do seu nivel de formación".

Lorenzo declarou a este respecto que “é unha honra como veciño de Mos, ter podido ser o artífice do Himno Municipal, é algo moi emocionante”. E conta ademais que “a Alborada Camiño da Rosa é unha peza feita con moito sentimento e que non estaba pensada para ser un himno, non tiven o condicionante nin a presión de que me encargaran un himno para Mos, senón que creei un tema dende o corazón que logo resultou que gustou tanto que vai a ser utilizado como o Himno Municipal do meu Concello. É un soño feito realidade”.

Sobre o Himno de Mos a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, síntese moi satisfeita, xa que era o único elemento distintivo institucional que lle faltaba ao Concello de Mos, que xa conta cunha bandeira e un escudo oficiais, ambos aprobados sendo ela alcaldesa do municipio. “Agora xa temos tamén un Himno Municipal completando o repertorio de distincións que simbolizan a un pobo e que son un dos grandes logros que me enorgullece enormemente ter acadado como alcaldesa”, declarou Arévalo.