Mos presenta o proxecto de humanización dun treito da parroquia de Cela

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo presentou na tarde de onte na Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva «Celado» da parroquia de Cela, o novo proxecto de urbanización para a parroquia no treito comprendido entre Gatesende á Igrexa. Arévalo, estivo acompañada neste acto polo equipo de Goberno local e por un técnico do Departamento de Urbanismo.

A rexedora local explicou que “esta é a cuarta do Plan de Humanizacións proxectado polo equipo de goberno local para a presente lexistatura, sendo as tres anteriores as de Sanguiñeda, As Pozas e Puxeiros”. Nidia Arévalo informou á veciñanza de Cela que unha vez realizadas as humanizacións das principais zonas urbanas do municipio, "dende o Concello estamos intentando que todas as 10 parroquias de Mos teñan alomenos unha zona rural humanizada", no caso de Cela, a humanización en Generoso Domínguez. A alcaldesa de Mos non ocultaba que era "un obxectivo custoso" pero amosou a súa confianza en acadalo a longo prazo.

As zonas rurais que se pretenden humanizar son as máis transitadas de cada parroquia, as que soportan un maior fluxo de veciños tanto a pé como conducindo, tal é o caso dos lugares nos que se atopan ubicadas as respectivas igrexas parroquiais, centros culturais, asociacións veciñais, etc. Con estas humanizacións continuarase tamén co obxectivo perseguido polo Plan de Sendas iniciado no Concello (Atín, Torroso, senda circular Petelos-Tameiga, etc.) facendo as estradas do municipio máis accesibles e seguras para peóns ou viandantes.

humanizacion cela 03

A obra presentada suporá a humanización da Estrada Generoso Domínguez desde la PO-331 ata a Igrexa de San Pedro de Cela. Dita obra incluirá actuacións de acometida de nova beirarrúa de 2 metros de ancho e 623 metros de lonxitude por un lado da estrada, 280 metros de muros de contención, instalación de nova iluminación led, mellora do drenaxe de pluviais (colectores), soterramento de redes de servizos de subministro de electricidade e telefonía, mellora de sinalización e seguridade vial con lombos, e paso de cebra elevado.

A inversión total que requerirá a execución deste proxecto ascende a 500.000 euros para os que o Concello de Mos se atopa na busca de financiación supramunicipal por parte doutras administracións.

Nesta obra o Concello de Mos asumirá os custes da urbanización con unidade de criterio do vial, algo que correspondería aos particulares nas frontes das súas parcelas e que, deste xeito, "suporalles un importante aforro aos mesmos e permitiralles deixar as súas parcelas dentro de ordenación municipal (dacordo ao novo PXOM) con aforro para estes particulares a cambio da cesión dos terreos, nos casos necesarios", explicaron na reunión.

Así mesmo, aproveitando a reunión, tratáronse outros temas xerais de interese municipal e asuntos varios da parroquia de Cela. Os presentes puideron aproveitar para formular as preguntas que consideraron e/ou plantexar necesidades da parroquia. É por elo que este encontro, explicaba Nidia Arévalo, "resultou altamente produtivo tanto para a veciñanza como para a administración local".