Mos presenta o seu primeiro festival de cultura urbana «DeMostra»

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; a concelleira de Participación Cidadá, Julia Loureiro e a edil de Cultura, Sara Cebreiro, acompañados por membros da organización e público potencial do evento, presentaron a primeira edición do festival de cultura urbana «DeMostra» que se desenvolverá o vindeiro 16 de setembro, de 11 h a 21 h na contorna do Edificio Multiúsos das Pozas.

«DeMostra» nace baixo o concepto de revitalizar o municipio de Mos "nunha única data chea de dinamismo, cargada de entusiasmo e actividades" sinalan dende o Concello. Trátase de aproximar a cultura urbana ás mozas e mozos mosenses, como tamén á poboación das localidades próximas que se achegue ata o evento.

demostra cultura urbana 01

O desenvolvemento do festival «DeMostra» está programado para que se desenvolva durante toda a xornada do próximo 16 de setembro en horario de 11:00 horas a 21:00 horas, no contorno do Edificio Multiusos das Pozas. Esta localización facilitará o ambiente distendido e permitirá tamén aproveitar as propias estruturas coas que conta o emprazamento ao seu ao redor, ligadas ás actividades que se realizarán.

Colaborando coa dirección do evento atópanse outras organizacións e colectivos como «Vella Escola», «Mondaka D.I.E. Skatepark» ou «WS Skateboard» que se encargarán de supervisar e impartir os distintos obradoiros que se sucederán ao longo do día capitaneados por expertos nas distintas disciplinas que se dividirán nas incribles modalidades de: «Grafiti», «Beatbox», «Breakdance», «Parkour», «Skate» e «BMX».

Tamén contarase, durante o transcurso do evento, de diversos «Food Trucks» para o goce de todos os asistentes; que axudarán a amenizar a estancia e evitarán que ninguén pase fame nin sede durante o evento, ao tempo que darán un toque de frescura.