Mos mellorará a seguridade viaria no Camiño Cerdedelo en Torroso

A Xunta de Goberno Local do Concello de Mos aprobou, na súa sesión desta mañá, poñer a disposición da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, libres de cargas e gravames, todos os terreos necesarios para a execución das obras de mellora da seguridade viaria no Camiño Cerdedelo, na parroquia mosense de Torroso, así como os correspondentes permisos e autorizacións legalmente esixidos para levar a cabo esta obra que será financiada pola Consellería do Medio Rural dentro do Plan de Infraestruturas Rurais 2018.

A administración autonómica subvencionará, previa sinatura dun convenio de colaboración, a totalidade das obras de ‘Mellora de Seguridade Viaria no Camiño Cerdedelo, parroquia de Torroso’ por un importe aproximado de 42.901,93 euros.

Pola súa banda o Concello de Mos manifesta a aceptación da execución das obras en réxime de cooperación e se compromete a poñer a disposición, libres de cargas e gravames, todos os terreos necesarios para a normal execución das obras, así como os correspondentes permisos e autorizacións legalmente esixidos para levalas a cabo; renunciar expresamente a reter da achega desa Corporación calquera tipo de tributo con motivo das obras de referencia; asumir, unha vez recepcionadas as obras e previa comunicación da Dirección Xeral, a súa explotación, mantemento e conservación; e manifestar expresamente que a obra non se someterá a modificacións importantes nos cinco anos seguintes á súa entrega que poidan afectar á natureza, condicións de execución ou cambio do réxime da propiedade da infraestrutura.

Así mesmo, con anterioridade á contratación das obras, o Concello debe acreditar mediante certificación da Secretaría a efectiva dispoñibilidade dos terreos e a adecuación das obras á normativa urbanística.

Os traballos de mellora viaria e reposición do firme no Camiño Cerdedelo respresentan unha importante optimización para a parroquia de Torroso. Sobre os mesmos a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o concelleiro de Vías e Obras, Luis Alonso, e o tenente alcalde, edil de Facenda e Contratación, natural de Torroso, Alberto Méndez, declaraban hoxe durante a Xunta de Goberno que “o Concello de Mos ten como un dos seus principais obxectivos que o viario municipal se atope nas mellores condicións de uso, o que supón un garante na seguridade viaria. É por elo que, tendo en conta o estado no que se atopa o Camiño Cerdedelo, é necesario que se promova a mellora da seguridade viaria no mesmo, mellora considerada ademais de gran relevancia entre a veciñanza da parroquia”.