Aemos presenta o proxecto da súa escola infantil ao conselleiro de Política Social

A Asociación de Empresarios de Mos (Aemos) presentou onte ao conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, o avance das obras da nova escola infantil que se está a construir na parcela de equipamentos do Polígono da Veigadaña da que é titular a asociación e que, no futuro, albergará outros dous edificios máis, un viveiro de empresas e un edificio de servizos e centro de negocios “que converterá o lugar en punto de referencia dentro do Parque Empresaria de Mos”, así o asegurou o presidente dos empresarios, Manuel Castro.

Manuel Castro estivo acompañado no acto por diversos membros da xunta directiva, así como tamén pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves e o secretario da Fegape, David Sobral, entre outras autoridades.

Castro destacou na súa intervención o crecemento do parque empresarial, “que conta cunha trintena de empresas en activo, xerando ao redor de 900 empregos”. Con todo, “temos constancia de oito proxectos en construción que, xunto coa chegada da compañía Benteler, supoñerá un importante impulso para a área”. Así mesmo, agradeceu tanto á Xunta como ao Concello a súa implicación neste proxecto de conciliación familiar e emprazounos, nun período breve, ao acto de inauguración.

escola infantil aemos 02

As obras están executadas nun 40% e estímase que durante o mes de outubro queden rematadas. Desta maneira, a escola, dirixida a fillos de empresarios e traballadores da área de 0 a 3 anos, entraría en funcionamento o próximo xaneiro. O arquitecto do proxecto, Zaballa, presente na visita, ofreceu unha explicación do mesmo. Así destacou o seu singular deseño e a súa eficiencia en perdas enerxéticas, empregando a geotermia como sistema de calefacción. Na mesma liña fixo fincapé nas amplas cristaleiras para facilitar a entrada de luz, e co fin de que esta tampouco sexa un problema, e para evitar problemas de climatización dispoñerá dunha visera duns dous metros que proporcionará sombra, do mesmo xeito que a pantalla frontal de árbores.

escola infantil aemos 03

O edificio dunha única planta, de 350 metros cadrados, está dividido en cinco aulas, unha zona de servizos comúns con aseos, unha cociña e unha lavandería. Ademais, dispoñerá dun patio de xogos exterior de 110 metros cadrados. Para o acondicionamento desta área reserváronse 1.000 dos 4.345 metros cadrados dos que dispón a parcela de Aemos.