Corporación e deputados provinciais visitan a humanización de Puxeiros

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e os deputados provinciais, Carlos López Font, Digna Rivas, Elena Muñoz e Belén Villar, vistaron esta mañá as recentemente rematadas obras de humanización na Avenida de Puxeiros, acompañados de membros da Corporación Municipal e veciñanza. Para celebrar a devandita mellora, a partir do mediodía e ao longo da xornada quedou instalado un tobogán xigante acuático para divertimento de pequenos e maiores. A rexedora local mosense, Nidia Arévalo, foi una das usuarias desta atracción, da que gozou na compaña da súa filla.

O tobogán xigante (de 5 anos de idade en diante) e outros xogos acuáticos para nenos e nenas (menores de 5 anos) comezaron a funcionar ás 12.00 horas e permaneceron operativos ata ás 14.00 horas e en horario de tarde estarán de 16.00 horas a 21.00 horas.

A humanización de Puxeiros
Fai tres meses que se iniciou a obra de humanización na Avenida de Puxeiros, entre a glorieta da estrada Puxeiros-Mos e o acceso á Autovía A-55 no punto quilométrico 9. Esta obra foi contratada pola administración local mosense e está financiada mediante unha subvención do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Os traballos na Avenida de Puxeiros consistiron nun muro de contención, instaláronse as tuberías para a canalizacións das auguas pluviais e do alumeado público, os sumideiros para pluviais e realizáronse as bases para as farolas led de baixo consumo que melloran en moito a iluminación da zona, así coma instalación das mesmas e acometida dos bordillos e o formigonado das beirarrúas e colocación da plaqueta. Tamén se realizou a instalación de mediana axardinada na estrada, dotada de bordillo, e asfaltado e pintado da sinalización horizontal do vial. O pintado inclúe a senda peonil e ciclista en vermello na beira da estrada na que non hai beirarrúa.

A Avenida de Puxeiros é un tramo da antiga estrada nacional N-120, cedida por Fomento ao Concello de Mos. Atopábase humanizada parcialmente, entre a glorieta da que parten a EP-2603 (Puxeiros-Peinador) e a EP-2604 (Puxeiros-Rebullón) e a glorieta da que parte a EP-2601 (Puxeiros-Mos).

O Concello de Mos, segundo declarou a rexedora local, Nidia Arévalo, “está concienciado sobre a necesidade de aumentar a seguridade viaria e humanizar os tramos de vías municipais que discorren polos núcleos máis urbanos. Por iso, para dar continuidade ao tramo urbanizado existente, tomouse a decisión de realizar a humanización do tramo que vai desde a ligazón coa A-55 no punto quilométrico 9 e acaba na glorieta da que parte a Estrada Puxeiros-Mos (EP-2601) e a Rúa Ludeiro, ao norte (PK 0+468)”.

O ámbito de actuación, ao sur do tramo urbanizado da Avenida de Puxeiros, carecía ata o de agora de beirarrúas e tiña unha iluminación pobre, nun tramo cun tráfico denso, ao servir de acceso á A-55 quilómetro 9 para algúns dos polígonos industriais da zona. Por iso, era necesario mellorar a seguridade viaria dos peóns e dos usuarios da vía. As actuacións incluíron a humanización deste tramo da Avenida de Puxeiros, mediante a ordenación de espazos. Desta forma créaronse itinerarios peonís máis seguros, con novas beirarrúas (marxe oeste) e sendas a nivel (marxe este).

Así mesmo, executouse un novo muro de pedra na marxe oeste, para conter a citada beirarrúa. E como obras complementarias que aumentan a seguridade viaria inclíronse a mellora da iluminación (farois con leds de baixo consumo), adecuación da drenaxe aos novos pavimentos, creación dunha mediana que se axardinou para urbanizar esta contorna, execución de pasos de peóns elevados e nova sinalización horizontal e vertical, entre outras. O investimento foi de 261.858 euros.