O «Son do Pazo» entrega os premios do Concurso de Relatos Curtos

A organización do IV Festival Intercéltico «O Son do Pazo» entregou os premios do segundo Concurso de Relatos Curtos sobre a música galega, dirixido a rapaces de entre 6 e 12 anos. Un total de 40 escolares depositaron os seus escritos nas caixas de correos instaladas nos distintos colexios públicos do concello de Mos, na Biblioteca Municipal e no propio Pazo. A participación foi notablemente superior á rexistrada na primeira edición do concurso, convocado co obxectivo de espertar o interese dos cativos pola cultura e as tradicións de Galicia.

A entrega dos agasallos tivo lugar no Pazo de Mos, coincidindo coa celebración do Día do Socio do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos. O xurado, nesta ocasión, estivo conformado polo profesor e investigador da música galega Xaime Estévez, a compoñente do grupo as Lagharteiras, Tamara Costas e o actor e titiriteiro Andrés Giráldez. O primeiro premio, recompensado cun set de xogos para o aire libre, recaeu en Érika Álvarez, polo seu relato Os musiqueiros e a gaita de ouro; segunda clasificada foi Shaila Pintos con O poder de Irisina, que recibiu un set de xogos tradicionais e o terceiro premio foi para André Vilas por A dragongaita, que levou un set de xogos de lóxica. Os xuíces encargados de elixir os gañadores destacaron o gran nivel do conxunto das obras presentadas nesta segunda edición do concurso.

O Son do Pazo
O Festival Intercéltico «O Son do Pazo», organizado polo Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, chega este ano á súa cuarta edición co obxectivo de consolidarse como unha cita ineludible para os amantes da música folk en Galicia. Polo escenario do Festival pasaron, dende o ano 2015, artistas e bandas de primeiro nivel, como Uxía Senlle, Xosé Manuel Budiño, Son de Seu, Treixadura ou Susana Seivane, entre outros moitos. A cuarta edición do Festival Intercéltico «O Son do Pazo» celebrarase na contorna do Pazo de Mos o venres 31 de agosto e o sábado 1 de setembro e a comisión organizadora xa ten practicamente pechada a composición do cartel, no que volverán figurar algúns dos nomes máis destacados da escena folk galega actual.