Éxito do obradoiro de cociña do Colexio de Atín de Mos

O alumnado de 5º de Primaria do CEIP Atín-Cela impartiu, o pasado venres na Ludoteca de San Rafael, un taller de repostería en colaboración coa concellería de Participación Cidadá, no que participaron un total de 21 nenos e nenas. Os escolares do Colexio de Atín están a demostrar que, ademais de pequenos grandes xornalistas, son uns magníficos cociñeiros. Cómpre lembrar que o alumnado do CEIP Atín-Cela gañou dous segundos premios no concurso de Faro da Escola: Mellor Xestión de Negocio e Mellor Uso Audiovisual e de Novas Tecnoloxías.

O premio acadado polos escolares foi polo traballo realizado de confección dun xornal no que incluíron unha entrevista á alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, redactada polos alumnos/as de 5º curso. O proxecto do xornal foi levado a cabo conxuntamente entre os alumnos e alumnas de 5º e 6º de Educación Primaria e nel participou todo o alumnado do colexio.

Agora estes rapaces e rapazas do CEIP Atín-Cela, cambian o xornalismo pola cociña nunha iniciativa realizada en colaboración coa concellería de Participación Cidadá mosense, que dirixe a edil Julia Loureiro. No obradoiro de cociña prepararon receitas incluídas nun libro escrito por eles mesmos, que leva por título «Recetas para caerse muert@» e que está inspirado na obra de Ledicia Costas, «Escarlatina a cociñeira defunta».

O obradoiro foi impartido polos propios rapaces e rapazas autores/as do libro de cociña e polo seu mestre, Óscar Rodríguez Rojo, co apoio e colaboración dos/as monitores/as da Ludoteca Municipal de San Rafael (Pereiras), que foi o lugar onde se desenvolveu este taller entre as 11:00 horas a 13:00 horas.

Esta actividade ía dirixida aos nenos e nenas de 9 a 12 anos de idade que quixeran gozar dunha divertida mañá coas mans na masa. O prato estrela que prepararon, titorizados polos pequenos grandes chefs do Colexio de Atín, foron as riquísimas «Chocolletas», entre outras delicias culinarias.