I Forum Transfronterizo

Mos rexistra a cifra de paro máis baixa dende hai trece anos

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Promoción Económica, Emprego e Novas Tecnoloxías, Óscar Soto, deron conta onte "da histórica baixada do paro" que está a experimentar o municipio mosense, que acada índices de desemprego do ano 2005 e rexistra a menor taxa de paro do Concello dende hai 13 anos. En maio de 2005 eran 1.041 as persoas en situación de desemprego existentes en Mos, fronte ás 1.022 rexistradas en maio de 2018. "Fai 13 anos eran incluso 19 parados máis respecto dos que hai a data actual" apunta o Concello de Mos.

Tanto a acaldesa como o concelleiro de Promoción Económica salientan "o ritmo notable" ao que se está creando emprego no municipio xa que, sinalan, "tan só durante o último ano a lista de desempregados descendeu en 208 persoas, o que representa unha baixada porcentual do 20,35%". En maio de 2017 eran 1.230 os parados mosenses e en maio de 2018, 1.022.

Arévalo e Soto subliñan o feito de que “con estes datos constátase a recuperación do emprego no noso Concello, e por tanto a recuperación da actividade empresarial". Unha recuperación, engaden, "que se traslada ao mercado laboral mosense e cada vez chega a un maior número de persoas. O mercado laboral mellora gradualmente e o emprego que se crea vai gañando progresivamente en calidade a medida que se asenta a recuperación”.

O Concello de Mos enorgullécese "de ter traballado duro e de xeito constante" en materia de emprego e de ter logrado, a pesar da crise económica e das dificultades atravesadas polo mercado laboral a nivel nacional, reducir o número de habitantes en situación de desemprego progresivamente.

Responsabilizan desta "esperanzadora realidade" ás ás políticas municipais de emprego proactivas que dende 2009 ten o Concello de Mos. Actualmente, lembraron os responsables municipais, atópase en marcha un Obradoiro Municipal de Emprego (Mos Rehabilita), e está tramitándose a solicitude de dous novos que comezarían en setembro; tres Accións Formativas para Desempregados (cursos AFD), e tramitándose tamén a solicitude dos novos para inicialos no mes de setembro; o III PIE (Plan Integrado de Emprego) Mos 3.0, a Escola de Emprendemento que se inaugurou fai un mes e a Escola Segunda Oportunidade, que botará a andar no último trimestre do presente ano. Con estas dúas últimas iniciativas queda totalmente cumprido o programa electoral do actual equipo de goberno en materia de fomento do emprego, segundo informa o edil Soto.

Doutra banda, cómpre lembrar que Mos é Concello Emprendedor Doing-Business e conta cunha Axencia Municipal de Colocación na que unha Orientadora Laboral e unha Técnico en Asesoramento a Emprendedores prestan apoio a todos os usuarios que o demanden.