O BNG esixe que se someta a exposición publica o anteproxecto da biblioteca

Imaxe interior da biblioteca segundo o anteproxecto encargado polo alcalde. Imaxe interior da biblioteca segundo o anteproxecto encargado polo alcalde.

O BNG de Nigrán, tras facerse público o anteproxecto dunha nova biblioteca municipal, esixiu na Comisión Informativa de Asuntos Xerais que este sexa exposto ao público polo prazo dun mes, para que a veciñanza e os colectivos sociais de Nigrán fagan as achegas que consideren. Con esta exposición pretendemos que o definitivo proxecto construtivo poida recoller as demandas que os axentes socioculturais e outros colectivos interesados no novo equipamento poidan aportar.

Para nós, este é un proxecto estratéxico de mandato e, polo tanto, unha inversión prioritaria a executar antes de rematar o mesmo. Por iso esiximos ao goberno municipal que, unha vez exposto ao público o anteproxecto anterior, convoque unha reunión coa presenza de todos os grupos políticos co obxecto analizar as posibles achegas realizadas e acordar características básicas e emprazamento da nova biblioteca municipal de Nigrán.

Igualmente, demandamos que, unha vez acadado o acordo anterior, proceda xa no presente exercicio a redacción do proxecto construtivo, ben por medios propios ou mediante a correspondente contratación, habilitando os medios necesarios para tal fin, ao mesmo tempo que estuda as posibles vías de financiamento para executalo.
É preciso evitar a falla de operatividade deixando correr o tempo sen tomar decisións polo que achamos imprescindible que se produzan avances neste obxectivo.

Nesta altura queremos lembrar que o anteproxecto presentado con tanta sorpresa nos medios non é máis ca iso, un anteproxecto que, como moitos antes, podería ser perfectamente non nato ou, simplemente, durmir o soño dos xustos, e iso é precisamente o que esta formación política está decidida a evitar.