O Concello de Nigrán agarda poder aprobar o PXOM en 2018

O alcalde coa directora de Politica territorial da Xunta, o concelleiro de Urbanismo e o responsabe de Eptisa, na xuntanza en Santiago. O alcalde coa directora de Politica territorial da Xunta, o concelleiro de Urbanismo e o responsabe de Eptisa, na xuntanza en Santiago.

 O Concello de Nigrán deu esta semana un paso máis de cara a aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal tras ter concluído o estudo de prospección arqueolóxica que permitirá responder nas próximas semanas ao único requerimento sectorial pendente de Patrimonio. Con esta importante novidade, o alcalde e o edil de urbanismo mantiveron onte un encontro en Santiago coa Directora Xeral de Ordenación do Territorio e a empresa redactora do PXOM (Eptisa).

No encontro "acordaron coordinar e acelerar toda a tramitación do informe de avaliación ambiental, seguinte paso tras obter o visto bo de Patrimonio e derradeiro antes da aprobación provisional do documento en Pleno", segundo explicou o alcalde, Juan González. Ante este avance, o Concello urxiu a Eptisa a que fixe xa un cronograma de prazos concretos ata obter o documento definitivo, calendario que a empresa redactora se comprometu a facer e a presentar tamén ante a Xunta para unha mellor coordinación das diferentes administracións.

O obxectivo é que, tras corrixir os informes sectoriais desfavorables, comecen no outono coa avaliación ambiental, informe que unha vez entregado á Xunta terá un prazo de tres meses para contestar. "Neste sentido, na reunión de onte coa directora xeral, esta trasladounos o seu total compromiso para acelerar ao máximo este trámite final co obxectivo de que esté resolto antes de finalizar o ano", incide o alcalde, Juan González.

Seguidamente, durante este periodo que o organismo autonómico tramita o informe, o Concello aproveitará para expor o PXOM en cada unha das parroquias co fin de que os veciños o coñezan de primeira man antes de levalo ao Pleno para a súa aprobación provisional, obxectivo que se espera acadar entre finais do 2017 e principios de 2018 sendo inmediatamente despois a definitiva.

O Concello de Nigrán, ante este importante avance na tramitación do documento, convoca novamente o Consello Sectorial para o día 10 de maio, órgano que este goberno rescatou xa no 2015 tras máis de tres anos sen ser convocado e que está formado por preto de trinta entidades veciñais, culturais, deportivas ou comunidades de montes. "A aprobación do PXOM é unha prioridade de goberno, levamos todo este mandato traballando arreo para que sexa unha realidade porque é un asunto clave para o futuro do municipio. Ante todo buscamos transparencia, consenso absoluto e participación, por iso queremos informar de primeira man aos veciños do estado actual do PXOM”, insiste González.