nadal 2018 nigran

Nigrán homenaxea ao mestre republicano José Vázquez Grela, fusilado no 36

José Vázquez Grela coa súa familia. Vázquez Grela é o primeiro home pola esquerda na primeira fila José Vázquez Grela coa súa familia. Vázquez Grela é o primeiro home pola esquerda na primeira fila

O Concello de Nigrán súmase ao ‘Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia’ cun acto este sábado 24 ás 12.00 horas no cemiterio municipal do Ceán no que se honrará ao mestre republicano fusilado José Vázquez Grela, unha vez que a lápida foi trocada e traducida ao galego polo consistorio co beneplácito da familia.

Antes deste acto, descubrirase unha placa na entrada ao camposanto co lema “En memoria de todas as persoas que aquí xacen, porque grazas a ellas Galicia segue a ter cultura e lingua de seu” e posteriormente se realizará un acto de firma de derradeiras vontades para que todo aquel que o desexe exprese por escrito a decisión de que unha vez falecido a súa liturxia sexa en galego (na propia capela do camposanto).

O alcalde de Nigrán, Juan González, se sumará á firma e anima a tódolos veciños a que tamén o fagan. Este Día de Restauración da Memoria Lingüística está promovido pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e por vez primeira na súa historia o Concello de Nigrán se suma.

As lápidas dos camposantos galegos demostran a renuncia dos galegos polo seu idioma: prefiren lembrar aos seus defuntos nunha lingua que non falan no ámbito familiar. “Este é un paso máis deste goberno en apoio da lingua galega e de recuperación da memoria histórica ao mesmo tempo.

grela02

Lugar onde repousan os restos de José Vázquez Grela, no cemiterio do Ceán

Queremos con este acto contribuír a que cambie esa mentalidade que evita o galego nos camposantos”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán. Os datos son elocuentes: só unha de cada mil lápidas está escrita en galego; e unicamente un 2% das necrolóxicas publicadas nos xornais está redactada no noso idioma.

Por outra banda, o rexedor amósase especialmente orgulloso de homenaxear e recordar a figura de Grela, mestre nacional de Nigrán ao que adica moitas páxinas do seu libro ‘Nigrán. Memoria dunha guerra 1936-1939’. “Era unha persoa comprometida socialmente, quixo levar o ensino a tódolos recunchos do municipio e lograr a alfabetización universal como primeiro paso para lograr unha sociedade máis xusta; dende o goberno de Nigrán quixemos aproveitar este acto de restauración da memoria lingüística para recuperar tamén a memoria histórica”, defende González, quen aposta por realizar o ano que ven, 80 anos despois do inicio da Guerra Civil, máis actos nesta liña.

Precisamente, Grela ten un parque dende 2011 co seu nome ubicado ao lado de onde era a escola no barrio da Dehesa. O parque bautizouse no mandato de Efrén Juanes a iniciativa do agora alcalde, edil de Cultura entón.

José Vázquez Grela (1897-1936)
Natural de Ames (Padrón) coñeceu a súa muller Josefa Iglesias en Bos Aires, a onde emigrou con 12 anos. O matrimonio, que tivo seis fillos, pasou uns anos en Cuba antes de voltar a Galicia. Foi xa na terra onde sacou as oposicións de Mestre Nacional e, tras diversos destinos, en 1932 tomou posesión en Nigrán.

Dende a súa chegada ao municipio gañouse a admiración e respecto dos veciños. Grela asumiu dende o inicio a presidencia do Consello Local de Primeiro Ensino, institución creada coa chegada da República. Era o prototipo de mestre da República, comprometido cos principios da nova ensinanza e politicamente moi activo, ao punto de que foi un dos organizadores do mitin de xuño de 1936 nas Angustias (Nigrán) a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia, ao que asistiría Castelao.

Coa nova situación política, Grela pensou que a única opción que tiña para sobrevivir era achegarse ao novo réxime e a igrexa, con esta idea chegou a escribir varias veces a nova comisión xestora do Concello dando mostras do seu suposto novo ideario falanxista.

Sen embargo, nada diso lle serviu, o 12 de setembro, ao redor das 12.30 horas da mañá, foron a buscar a Grela a escola interrumpindo a clase, a que asistía o seu fillo pequeno.Todos intuíron o que ía pasar, o propio mestre pediu que o deixaran despedirse da súa esposa e non o deixaron. Metérono no coche patrulla dirección a As Angustias e fixéronlle baixar preto do cemiterio, onde lle deron cinco tiros polas costas e o deixaron morto coa bata ensanguentada. Grela contaba entón con 50 anos.