Gondomar acerta ó trasladar a feira semanal ó sábado

Xosé Antón Araúxo e o Concelleiro de Turismo e Comercio de Gondomar. Xosé Antón Araúxo e o Concelleiro de Turismo e Comercio de Gondomar.

O traslado do mercado semanal de Gondomar ao sábado está a revelarse como un acerto segundo a valoración realizada polo concelleiro de Comercio e Turismo, Xosé Antón Araúxo tras as dúas primeiras edicións sabatinas da feira. "É unha experiencia positiva porque hai mais vendedores, nótase máis dinamismo no comercio local e na praza de abastos, onde acoden compradores de todas as idades", explicou.

Por outra banda, as persoas maiores que se achegaban os luns á Vila fano agora os sábados, sendo por tanto, a afluencia de visitantes moi superior, algo "lóxico" a xuízo do concelleiro, porque o sábado ao ser xornada non laborable para moitas persoas, aproveitan para gozar da nova actividade. Nos cen postos habilitados desde o Concello de Gondomar, de momento instaláronse ao redor de 60 dos 78 vendedores previstos, aínda que algúns teñen máis dun posto. Por agora, instaláronse só os que están regularizados, os que teñen o carné e a documentación en regra: o resto está a tramitar aínda os papeis para adaptarse á ordenanza. "Queremos acabar co descontrol que había antes, cando non se controlaba quen vendía, se pagaban ou non", recalcou Araúxo.

O próximo paso que dará a concellería de Comercio será domiciliar o cobro das taxas que se abonarán con carácter trimestral.
Ademais, desde a concellería fan un chamamento á responsabilidade dos vendedores ambulantes e lémbranlles que unha vez terminada a feira o recinto debe quedar totalmente limpo de acordo coa ordenanza municipal de convivencia. "Repartiremos follas informativas lembrándolles a obrigatoriedade de deixar todo limpo e en perfecto estado. Aos que non cumpran aplicaráselles a ordenanza que prevé sancións económicas por incumprimento e abandono da actividade para os reincidentes", advertiu o edil de Manifesto Miñor.

Praza de Abastos
Doutra banda, o concelleiro de Comercio e Turismo, Xosé Antón Araúxo, aclarou que o concurso público dos 28 postos da praza de abastos segue adiante con intención de "regularizar aos comerciantes que exercen aí a súa actividade", indicou o concelleiro ao explicar que a maior parte dos placeiros así o queren porque saben que a súa situación non é legal e lembrou que a ordenanza que aprobou o anterior goberno do PP en 2012 para regularizar o mercado.

De acordo co citado regulamento, asinado polo entón alcalde,Fernando Guitián, outorgábase un prazo de 5 anos aos comerciantes do mercado de abastos propiciar a súa adaptación a ese regulamento, un prazo que finaliza en marzo de 2018. "Nesa data teñen que estar todos regularizados. Os que non o estean poden ver extinguidos os seus dereitos", alegou.

Parte dos praceiros asinaron un escrito que presentaron nas últimas horas no Rexistro do Concello para esixir que se paralice o proceso de licitación   e outorgar unha concesión mínima a cada vendedor actual, prorrogable ata os 50 anos ou ata a xubilación.