Baiona recupera os documentos históricos do heroe Manuel Barreiro

Persoal do aeródromo de Sania Ramel, entre eles o capitán Kindelán, rodean o MF-7 tralo incidente en que Barreiro e Ríos realizaron a misión que mereceu a dúas primeiras Cruces Laureadas de San Fernando da Aviación española Persoal do aeródromo de Sania Ramel, entre eles o capitán Kindelán, rodean o MF-7 tralo incidente en que Barreiro e Ríos realizaron a misión que mereceu a dúas primeiras Cruces Laureadas de San Fernando da Aviación española

Unha parte da historia do famoso aviador Manuel Barreiro Álvarez (1880-1940, Baiona) regresará a vindeira semana á Vila. O Instituto Español de Historia e Cultura Aeronáutica comunicou ao Concello de Baiona a cesión de documentos nos que se narra o feito histórico protagonizado polo capitán de enxeñeiros en 1913 durante a Guerra de Marrocos no que resultou gravemente ferido e que supuxo a primeira Cruz Laureada de San Fernando da Aviación Española.

Unha fotografía do biplano no que aterrou no aeródromo de Sania Ramel, unha imaxe do capitán, o telegrama dirixido a superioridade dando parte do incidente e a orde do capitán Kindelán, xefe da primeira escuadrilla expedicionaria, pola que se ordena o recoñecemento do monte Cónico. Estes son os documentos que o vindeiro mércores serán entregados ao Concello nun acto que se celebrará no auditorio da Casa-Museo da Navegación.

Con tal motivo, o museo baionés abrirá unha sección adicada a persoeiros nados na Vila. A directora da Casa da Navegación, Rosa Vilar, e a concelleira de Cultura, María Iglesias, acordaron crear unha galería na que todos os veciños “poidan coñecer feitos históricos que protagonizaron ilustres veciños de Baiona”.

manuel barreiro alvarez03

Telegrama dirixido á superioridade dando parte o incidente no que resultaran feridos, por fogo inimigo, os aviadores Barreiro e Ríos

“Manuel Barreiro xa foi nomeado no ano 2013 fillo adoptivo a título póstumo e temos o deber de dar a coñecer entre os baioneses a súa historia, por iso creemos que a cesión dos documentos é o momento adecuado para abrir unha fiestra que recoñeza o seu papel e os de moitos outros protagonistas da nosa historia”, apuntou María Iglesias.

manuel barreiro alvarez02Manuel Barreiro (1880-1940)
Manuel Barreiro Álvarez naceu en Baiona o 23 de outubro de 1880, na casa que hoxe ocupa o Hotel Pinzón. Enxeñeiro militar, incorpórase en 1913 ao servizo da aeronáutica militar e realiza o seu primeiro voo nun biplano Maurice Farman. O 6 de outubro é nomeado aviador militar de 2ª categoría sendo destinado á escuadrilla do capitán Alfredo Kindelán para participar na Guerra de Marrocos.

O 19 de novembro de 1913, xunto ao seu compañeiro, o capitán Ríos, sobrevoaban o monte Cónico para facer un voo de recoñecemento cando tiveron que descender, momento no cal recibiron varios disparos sobre o avión, sendo gravemente ferido no peito Barreiro. Os aviadores foron extraídos do aparello en estado grave. Un telegrama do Rey Alfonso XIII ascendía a ambos e uns días despois abriuse o expediente para a concesión da Cruz Laureada de San Fernando.

Foron os primeiros aviadores militares feridos en combate e recibiron a primeira Cruz Laureada de San Fernando que entregou a Aviación Española. Manuel Barreiro Álvarez, que voou só dez anos despois do primeiro voo controlado dos irmáns Wright, faleceu na súa casa natal de Baiona o 13 de xullo de 1940.