A nova Biblioteca de Baiona está operativa no outono

O Concello de Baiona poderá abrir este mesmo ano ─previsiblemente no otuno─ a súa nova Biblioteca Pública Municipal, co maior Arquivo Histórico da comarca e un dos máis importantes de Galicia, grazas a finalización dos traballos de rehabilitación do edificio Sancti Spiritus. O edifico do Hospital Sancti Spiritus, da Magdalena e da Caridade, rehabilitado na súa totalidade segundo o proxecto do estudo de arquitectura Murado y Elvira, combina vanguardismo e funcionalidade.

O alcalde, Ángel Rodal; a concelleira de Infraestruturas, Ana Simons; e o concelleiro de Vías e Obras, José Ángel Bahamonde, visitaron este venres as instalacións e comezaron a planificar o traslado dende as dependencias provisionais da rúa Carabela Pinta. “Estamos ante unha obra espectacular, tanto polo seu deseño como polas súas dimensións e comodidade, poucos concellos de Galicia poden presumir de ter unha dotación cultural de tanta calidade e funcionalidade”, asegurou Ángel Rodal.

Nas vindeiras semanas se levará a cabo a adquisición do mobiliario e está previsto que durante o verán se efectúe o traslado para que a Biblioteca Municipal poida abrir as súas portas en outono. A rehabilitación do Hospital Sancti Spiritus levouse a cabo cun investimento superior aos 1,1 millóns aportados polo Ministerio de Fomento, grazas ao plan denominado 1,5% Cultural.

Arquivo Histórico
Nas novas dependencias tamén se instalará o Arquivo Histórico de Baiona que permitirá conservar toda a documentación existente dende hai séculos, un patrimonio reforzado co Fondo Local, unha colección de 220 rexistros que ven a completar esta sección como punto de referencia en estudos locais. Engádeselle outros fondos especiais cos que conta a Biblioteca, como o Fondo Arribada, creado no 2012 para catalizar os estudos vinculados con Baiona e o Descubrimento. As novas instalacións darán un mellor condicionamento para custodiar a sección do patrimonio bibliográfico que tamén foi creado no 2012 con dúas coleccións, Biblioteca Ángel Bedriñana e a colección das publicacións históricas coas que conta o fondo total da biblioteca.

No tempo que durou a rehabilitación, a Biblioteca continuou a súa actividade cun servizo provisional organizado polo propio persoal responsable da biblioteca. Durante este tempo a biblioteca mantivo unha notable actividade. En total, durante o ano pasado a Biblioteca Municipal fixo 8.329 préstamos, tivo 115 novos usuarios, 30.419 visitas, 9.165 conexións a wifi e 934 incorporacións ao catálogo.