9.6 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasEste venres terá lugar unha nova presentación dentro do Mes dos Libros...

    Este venres terá lugar unha nova presentación dentro do Mes dos Libros en Ponteareas

    O mes dos libros chega á súa recta final en Ponteareas coa presentación dunha nova obra creada por autores da vila e da contorna. Este venres 29 de abril, o escritor mondaricense Fernando Juan Morado, Cone, e a ilustradora carralesa A Flaira estarán ás 20.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal para falar do seu libro ‘As costas do alén’, composto por 27 relatos, sete poemas e 34 ilustracións.

    A historia parte de Cede, unha estudante no Santiago dos anos 60, que experimenta unha vivencia mística na serra do Suído, onde se transmuta nun toxo no que pousa un corvo azul que lle vai facendo confidencias. Estas visións dan lugar a un libro-catálogo de animais reais, ficticios, soñados, mixtos e plantados que, a través das súas páxinas, fala dos bosques e montes, de casa abandonadas e de habitantes na diáspora de si mesmos.

    Fernando Juan Morado, Cone, leva inmerso no eido cultural, teatral e literario dende ben novo e chega a gañar un concurso de proxectos inclusivos xunto coa asociación COGAMI con ‘Contos enfiados’, un taller teatral no que colaboran os usuarios e usuarias da entidade para realizar dende os decorados ata a posta en escena para levar o espectáculo por teatros e auditorios de todo o país. Na súa vila natal, Mondariz, participa en proxectos culturais como o documental ‘Conversas con Kubala’, un escritor e cronista local e idea o acto poético de plantar un libro e escribir unha árbore, que se leva a cabo na Praza Maior. Xa no ano 2021 publica ‘As costas do alén’, a súa primeira obra.

    Pola súa banda, a carralesa María Rodríguez Rodríguez, coñecida polo nome artístico da Flaira, é docente especializada en didáctica e aplicación das artes plásticas en educación infantil e leva traballando dende os anos 90 en proxectos de base tecnolóxica e artística neste eido. Destaca, entre outras iniciativas, o seu traballo de difusión da figura de Urbano Lugrís en colaboración coa Fundación Caixa Galicia e a súa implicación na socialización do feito artístico. Realiza estadías e residencias creativas dende 2014 en África centradas na plástica da figura feminina e no empoderamento diario da muller africana, o que inspira os seus proxectos ‘Peixes Yoff’ e ‘Redeiras’. En 2020 ilustra o relato de Kike Turrón ‘Bailar, se trata de eso’ e no 2021 colabora con Fernando Juan Morado na posta en marcha da obra que traen este venres en Ponteareas.

    O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a participar nesta presentación de balde e gozar dunha tarde coñecendo “a algún das e dos protagonistas da época de pleno esplendor na creación literaria que vive Ponteareas, a comarca e a propia Galicia, con novas autoras e autores cun gran potencial e moita ilusión que están a realizar un gran traballo”. A presentación forma parte do programa ‘Abril, mes dos libros’, un ciclo de encontros con escritores e escritoras da comarca e as súas obras cos que conmemorar o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.