22.2 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaAntonio Lomba: “Concepción Arenal funciona como nós a concibimos, un lugar para...

    Antonio Lomba: “Concepción Arenal funciona como nós a concibimos, un lugar para estar e convivir”

    A ruptura do pacto de Goberno que mantiñan PSOE e BNG na Guarda, cando apenas ían transcorridos 5 meses de mandato, marcou un comezo deste cando menos, complexo. O socialista Antonio Lomba asume a responsabilidade de gobernar o municipio nestes vindeiros catro anos e por segundo mandato consecutivo o fai en minoría. Certo é que así o fixo nos catro anos anteriores e que iso da un punto de experiencia, pero agora o ten que facer con cinco concelleiros e concelleiras fronte aos sete con que contaba na súa anterior etapa.

    Ten a costume Antonio Lomba, pouco dada as veces na denominada clase política, de falar claro e chamarlles as cousas polo seu nome. Comedido nas súas formas, ás veces non o é tanto no fondo o que lle ten levado a discrepar con propios e estraños porque como ten repetido en máis dunha ocasión, defender os intereses das veciñas e veciños, “ten que ser a primeira prioridade dun alcalde”.

    Un comezo de mandato máis complicado do que en principio se tiña previsto…
    Si, por suposto. Bastante máis comezando polo propio resultado electoral. Nós tíñamos previsto un mellor resultado nestas pasada eleccións e iso marcou un comezo complexo. Asinamos un pacto no que eu confiaba plenamente, un pacto de esquerdas que permitíanos formar un Goberno de 10 concelleiros e concelleiras e auguraba unha lexislatura cómoda. Pero, por desgraza, non houbo entendemento entre os dous grupos políticos e iso fixo que o comezo deste mandato fora complicado e con moita tensión, tanta que acabou rompéndose o acordo de Goberno.

    Falaba vostede duns resultados electorais estraños…
    Moi estraños porque a percepción que tíñamos era a de ter realizado un bo traballo, un traballo que deu como froito, como ben se pode comprobar, un cambio espectacular da Guarda.

    Pero que a veciñanza non soubo aprezar?
    Pois aquí teño a dúbida de se nós non soubemos trasladar o traballo que estabamos a facer ou aqueles que trasladaban, digamos, a parte negativa ou a parte máis ‘toxica’ do noso traballo souberon chegar máis a xente e iso impediulles apreciar o que realmente estabamos a facer.

    Nese sentido apreciaron máis o que ao seu entender non estabamos facendo ou lles contaban que estabamos facendo mal.

    Pode ser que escoitaran ‘cantos de sirenas’ interesados porque eu, sinceramente, estou moi satisfeito do mandato anterior. Certo é que hai cuestións que non fixemos ben. Un sempre comete erros, porque todos os cometemos, pero hai asuntos que marcan moito un resultado electoral.

    Por exemplo?
    Pois un exemplo claro: a duración da obra de Concepción Arenal. Agora está rematada, a xente da Guarda está gozando dela e nos chegan parabéns de practicamente todos os sectores da cidadanía, pero foi unha obra longa e, como toda obra, xera inconvenientes e incomodidades.

    Nese sentido teño que subliñar que a rúa, agora, está funcionando tal e como nós a concibimos e tal e como nós a tiñamos pensado dende o comezo: unha rúa onde a xente está cómoda, onde a circulación de vehículos reduciuse moitísimo e onde as veciñas e veciños teñen moito máis espazo para estar e convivir.

    Falaba vostede anteriormente dos erros. Apréndese dos erros?
    (Sorrí). Sen dúbida. Aínda que hai cousas que é difícil aprender chegados a certa idade.

    Como cales?
    Pois como saberse vender. Este equipo de Goberno está formado por xente tremendamente traballadora e tremendamente capaz pero que, as veces, peca de modesta. En determinados momentos pecamos moito de modestos. Somos dialogantes, pero pecamos de modestia e iso pásanos factura.

    “Este equipo de Goberno está formado por xente tremendamente traballadora e tremendamente capaz pero que, as veces, peca de modesta. En determinados momentos pecamos moito de modestos”

    Gobernar en minoría xa é algo ao que estaban acostumados, pero agora é de supoñer que se lles multiplica o traballo
    (Suspira) Sen dúbida. Porque ademais no pasado mandato estabamos con 7 persoas, neste baixamos a cinco, menos xente a tirar do carro e polo tanto unha carga de traballo a maiores para todos nós. De todos xeitos teño que dicir que, afortunadamente, temos concelleiros e concelleiras moi solventes, moi capaces e con moita experiencia, algo que xoga ao noso favor. Precisamente, esa experiencia e coñecer á perfección o funcionamento interno do Concello foi determinante á hora de que, a pesar desa ruptura de Goberno a principios de outubro, na rúa case non se percibira e na vida diaria e nos proxectos que tiñamos en marcha o seu impacto foi pequeno.

    Foi un problema coller as concellerías que eran responsabilidade do BNG a comezo de mandato?
    Non excesivamente. Como dicía, hai unha experiencia acumulada e o único que fixo falta foi multiplicar o noso traballo. Agora sabemos que, debido a esa minoría, temos que ser moito máis áxiles e máis produtivos

    O que nos leva de volta a importancia da experiencia adquirida nos anteriores catro anos, non?
    Certamente, porque non é o mesmo chegar de novo que chegar coñecendo o Concello dende dentro, os temas que se están a desenvolver veñen a ser unha especie de continuidade. Repito que esixe máis traballo pero nós somos xente á que, afortunadamente, o traballo non nos asusta.

    A Guarda ten por diante retos e problemas importantes. Comezamos, se lle parece, pola grave situación de degradación da zona da Lamiña.
    Para nós era un problema moi grave e, da gravidade da situación, fala o feito que dende que comezamos a traballar na procura dunha solución non houbo semana na que non estiveramos facendo algunha actuación para atallar o problema. É verdade que cando tíñamos case que todas as esperanzas perdidas, conseguimos que se fixera esta obra provisional dunha escollera de protección da praia de Lamiña-Forte… creo que de non tela feito e con estes últimos temporais estariamos agora a falar dunha auténtica catástrofe medioambiental e a auga tería entrado ata a arboreda.

    Agradézolle a Maica Larriba, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, o apoio que nos brindou sempre e ao xefe provincial de Costas do Estado que, ao final, entenderon que había un problema moi grave e actuouse case que ao límite.

    “A execución da obra, dende o meu punto de vista e podo asegurar que a seguín moi polo miúdo, foi exquisita dende todos os aspectos incluído o medioambiental”.

    Unha escolleira provisional que xeraba en certos sectores algunha que outra dúbida, non?
    Si, pero o certo é que demostrouse que non ten o impacto ambiental que moitos aseguraban que podía ter e que, ademais, está a protexer unha zona que doutra forma estaría perdéndose. A execución da obra, dende o meu punto de vista e podo asegurar que a seguín moi polo miúdo, foi exquisita dende todos os aspectos incluído o medioambiental. Os materiais que se utilizaron están perfectamente integrados…

    Pero? Porque sempre hai un ‘pero‘.
    (Rí) Pero… é unha situación provisional e nós seguimos insistindo nese proxecto que se está a facer para darlle unha solución definitiva para esa zona. Non poño en dúbida que teña que ter todos os estudos e todas as garantías, como ten ser, pero creo que toca darlle xa unha solución.

    Segundo eixo: ás comunicacións. Máis complicado que o da Lamiña se cadra?
    Eu o poñería de primeiro. Coincido con moitos guardeses e guardesas que a obra máis necesaria que nós temos para A Guarda son as comunicacións por estrada. Estamos illados. Así como soa. Dende que se fixo o treito da vía de alta capacidade entre Goián e A Guarda certo é que melloraron as comunicacións, pero non é menos certo que cando chegas a Goián xa tes que ir en caravana e con tráfico moi lento.

    Xérase, polo tanto, unha situación de inseguridade viaria pola alta densidade de tráfico. Non se pode esquecer que estamos a falar dunha zona de alta concentración de accidentes e na que se poñen moitas multas. É lamentable que n século XXI saias da Guarda e non teñas garantía de a que hora vas chegar ao teu destino. Iso fai que A Guarda estea illada. Non o digo eu, que conste, o din todos os que teñen que vir aquí e todos os que, dende aquí, teñen que ir a outros lugares. Polo tanto, dende este punto de vista, a obra que vai a darnos un punto de inflexión será a autovía entre Goián e Tui.

    “Coincido con moitos guardeses e guardesas que a obra máis necesaria que nós temos para A Guarda son as comunicacións por estrada. Estamos illados”

    Hai previsión de datas para esa obra?
    Vai demasiado lenta. Se fixéramos caso dos compromisos da Xunta agora tiñamos que estar coa recta de Figueiró desdobrada e a obra rematada… Agora chegamos á campaña electoral da Xunta e o presidente Feijóo anuncia primeiro en Tui que van a facer o enlace de Areas e logo, vai a Madrid, e volve a facer o mesmo anuncio. Penso que cando un fai pouco traballo, ten que ensinalo dúas veces para que pareza máis.

    Creo, en todo caso, que a propia Xunta é consciente da necesidade da obra porque unha vía que, segundo os propios datos da administración galega, soporta 15.000 vehículos/día, precisa dunha solución.

    Pode ser un dos factores que inflúa na perda de poboación?
    (Contesta sen dubidalo) Absolutamente. Eu creo que as boas comunicacións con Tui, –que permiten ao tempo mellorar a comunicación co Porriño e con Vigo que son as áreas onde a xente vai por traballo, estudos, médicas…– farán que máis xente poida plantexarse vivir aquí na Guarda e non tela que abandonar como sitio de residencia. Non sería preciso porque xa terían facilidade de ir a traballar a Tui, O Porriño ou Vigo.

    Ese vai ser un punto de inflexión. Unha vez rematada esa vía, será un factor determinante para que deixemos de sufrir a crise demográfica que estamos a vivir porque, todo o mundo coincide ,que este é un sitio magnífico para vivir, para criar fillos e fillas e para estar tranquilos. Lugares como O Porriño, Tui ou Vigo quédanos, curiosamente, bastante cerca en distancia pero non en tempo que é o importante.

    Terceiro eixo a sanidade…
    Si. Esa é outra. Neste tema levamos facendo presión continua tanto a través da Mancomunidade como dende o propio Concello porque hai un descontento grande entre o equipo de profesionais que traballan no Centro de Saúde polo estado de desatención que estamos a sufrir. Non se cobren todas as baixas que hai e iso leva aparellado unha asistencia sanitaria deficiente.

    Esa desatención, desgraciadamente, a sofren más as persoas con menos capacidade económica que son as que temos que protexer de xeito especial.

    Por exemplo, se unha persoa acude ao Centro de Saúde cun fillo ou filla, como aconteceu esta fin de semana e, nese momento tivo que marchar a Vigo, a esa persoa non lle queda outra que marchar tamén a Vigo en coche particular, pero hai xente que, por desgraza, non o pode facer o que provoca un estado de desatención sanitaria preocupante.

    Entón a presión que estamos facendo nós é a de apoiar ás e aos profesionais que traballan no Centro de Saúde, apoio que tamén lles da a cidadanía. Proba diso é que cada xoves e hai moitos veciños e veciñas da Guarda, e tamén do Rosal e de Oia que van a concentrarse pedindo unha atención sanitaria digna.

    Que sería outro elemento para asentar poboación…
    Un elemento fundamental. Para asentar poboación é preciso, primeiro unha vía de alta capacidade, segundo unha boa atención sanitaria e terceiro unha escola infantil municipal. Nestes Momentos hai veciños e veciñas que teñen que levar aos seus fillos e fillas a Tomiño, Oia, O Rosal e algúns incluso a Portugal.

    Pero a nova escola infantil está aprobada, non?
    Si. Afortunadamente. Esta mesma semana, logo de moito insistir, chegounos xa o a proposta do convenio de colaboración.

    Cunhas eleccións autonómicas ás portas, algúns temas atrásanse un pouco, non?
    Si. Creo que se atrasan calculadamente. O anuncio da vía de Alta Capacidade agora, por exemplo, responde a estas eleccións que temos nas portas porque, de feito, tiña que terse anunciado hai dous anos.

    Fálase moito de ‘gobernos amigos’ pero, os alcaldes e alcaldesas teñen realmente gobernos amigos ou son vistos como enemigos e enemigas por todos os gobernos?
    (Rise) Si. Posiblemente. Os alcaldes e alcaldesas temos fama de que pedimos moito e eu creo que é unha fama merecida. Dende as administracións dinnos “os alcaldes non parades de pedir” e si, claro que si, porque é o que temos que facer e porque, ademais e o teño moi claro, un alcalde ou alcaldesa débese aos seus veciños e veciñas e a súa obriga é defender os intereses da súa veciñanza independentemente da cor do goberno. Ti tes que pedir mellorar a calidade de vida da cidadanía. É certo que cando tes un ‘goberno amigo’ é máis fácil atopar un interlocutor…

    Poñemos un exemplo ou mellor non?
    Si, sen problema. Poñemos un exemplo. Eu teño clarísimo que se o goberno da Xunta estivera presidido por un socialista eu non lle ía consentir ao conselleiro de Sanidade que non me recibira. A primeira vez que me recibiu o conselleiro de Sanidade –co que por certo non teño boas relacións– esperei un ano. Esta vez dous alcaldes e dúas alcaldesas pedímoslle unha xuntanza e aínda estamos esperando. Non nos recibiu. Aínda que só sexa para recibir a nosa queixa debería recibirnos por unha simple cuestión de cortesía institucional. O dito, iso non llo consentiría a un Goberno socialista. Así que, cos gobernos amigos, o que mellora moito é a interlocución e logo tes que pelexarte polos intereses dos teus veciños e veciñas coa mesma intensidade que cos gobernos ‘non amigos’.

    Sorprendelle esa falta de resposta de alguén que foi alcalde e que é médico?
    Sinceramente si. Sorpréndeme moito porque eu non teño mala relación persoal con el. Creo que é unha persoa moi sensible ás cuestións municipais e sempre que falei con el tiven esa impresión. Coñece moi ben A Guarda, sabe do illamento, sabe dos problemas que temos e creo, que esa reunión aínda que sexa, como dicía, por cortesía institucional nola tiña que ter dado xa e ao mellor teríase librado de saír tantas veces nos medios de comunicación.

    Parece que non ten moitas esperanzas de que se vaia producir.
    Pois non moitas, a verdade. Creo que cunhas eleccións á vista e a medida que vaia aumentando a nosa presión lles vai a tocar mover ficha a eles.

    Amais dos tres temas ‘capitais’ dos que falabamos, que outras cousas precisaría A Guarda ou que lle gustaría ter feito ao remate deste mandato?
    Creo que estamos traballando ben, modernizando A Guarda pero hai temas nos que temos que facer un sobreesforzo. Por exemplo, estamos tentando agora cos concellos da Mancomunidade poñer en marcha un centro de atención temperá porque, se nestes momentos un neno ou nena ten un problema, ten que ir ao Álvaro Cunqueiro a Vigo. Así que esas cousas temos que resolvelas nós aínda que non sexan plenamente competencia municipal.

    Doutra banda, creo que hai obras importantes que van permitir a desestacionalización do turismo como esa famosa senda que conecta A Guarda con Tui.

    O patrimonio é outro eido no que hai que traballar e moito. Nese sentido, no pasado mandato desenvolvemos moitas actuacións nesa materia grazas a Deputación porque, neste tema teño que reprocharlle á Xunta que ‘nin está nin se lle espera’. Fixémoslle pequenas demandas e solicitude de colaboración e non obtivemos resposta alguna cando saben que no Santa Trega temos un dos castros máis importantes do noroeste peninsular.

    Preocúpame tamén a falta dalgunhas infraestruturas que precisamos e que, pola súa envergadura, precisan de axuda de fora como, por exemplo, un Auditorio Municipal do que carecemos. Cando a banda de música actúa, o ten que facer na igrexa parroquial a falta de un lugar máis axeitado. Ese auditorio permitiríanos dar un salto moi importante no que fai referencia á actividade cultural. Estamos fora das redes culturais e precisamos un sitio de referencia.

    O intentaron?
    Sempre o intentamos. O fixemos neste mandato pasado coa Xunta, non o conseguimos pero son temas nos que temos que seguir traballando. Pendente temos tamén o acceso Sur que é unha infraestrutura interna pero que cambiará enormemente a dinámica da Guarda. Mantiven contactos coa conselleira de Infraestruturas e teño pedida unha reunión coa de Pesca… pavillón, temos o proxecto feito e precisamos un pavillón que se corresponda coa categoría o equipo que alí disputa os seus encontros.

    Doe ir petando nas potas e que nin sequera contéstenlle?
    Eu xa me vou acostumando. O primeiro que te chama a atención cando chegas á política, pero sobre todo a unha alcaldía, é a lentitude con que vai todo. Esa falta de produtividade… Hai cousas que se teñen que resolver moito máis rápido. Sabemos que as cousas de “palacio van despacio” pero, ás veces, parece que nin tan sequera se moven. Resulta moi frustrante. O meu lema é insistir, insistir e insistir. Esa é a única maneira que te escoiten. E unha cuestión de reequilibrio, nos estamos loitando para que A Guarda se reequilibre con outras zonas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.