A Alameda de Chapela, escenario de tres novas actuacións do programa «Cultura no Camiño»

Este ano, o programa «Cultura no Camiño», ao que adheriuse o Concello de Redondela, trae á Alameda de Chapela tres actuacións durante este verán, para completar a oferta nesta importante parroquia, durante as vacacións. O programa, organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) en colaboración con Turismo de Galicia e patrocinado por Gadis, conta co respaldo de 98 concellos de toda Galicia para promover un total de 371 actuacións de diverso contido cultural.

«Cultura no Camiño» ofrece pois un amplo abano de actividades que van dende o teatro á música, pasando pola maxia, a danza e o novo circo, para encher as horas de lecer das tardes-noites, tanto para visitantes, peregrinos en ruta cara a Compostela, coma para os propios veciños de Redondela.

Este programa, pensado para dinamizar as programacións culturais dos concellos polos que pasan as diferentes rutas Xacobeas, achega a Redondela 5 actuacións, cofinanciadas por diferentes administración, das cales, tres delas desenvólvense en Chapela.

A primeira será o sábado día 22 de xullo, dende as 20:30 h. Trátase de «A peregrinaxe de vangarda», da compañía galega Fusionarte. Un espectáculo de danza e expresión corporal con acompañamento musical, que a compañía de Álvaro Muras leva a cabo en exteriores.

O 30 de xullo será a quenda de «Residuo», da compañía de Manuel Lago e Kote Malabar, ás 21 horas, e a actuación do coñecido Mago Richard, co seu «Show do mago Richard», ás 20:30 h, tamén como espectáculo para toda a familia.

Esta é a quinta edición de «Cultura no Camiño», na que poden atoparse 189 compañías e formacións galegas, actuando por toda Galicia.