Redondela aposta polo respecto e convivencia entre a veciñanza e as mascotas

A Casa da Cultura estivo ateigada de público na charla impartida polo adestrador de mascotas Luis Montero A Casa da Cultura estivo ateigada de público na charla impartida polo adestrador de mascotas Luis Montero

Atopar o mellor xeito de convivencia entre as mascotas e os seus propietarios, cos veciños e veciñas que non as posúen, é o fin que persegue unha iniciativa desenvolvida entre as concellerías de Deportes e Medio Ambiente do Concello de Redondela. Unha das últimas accións levadas a cabo tivo lugar esta pasada semana ao longo dunha charla impartida por Luis Montero, adestrador profesional, na que se daban a coñecer técnicas de adestramento para as mascotas o que, segundo o experto, mellor o seu comportamento e, como consecuencia facilita á convivencia coas mesmas.

O interese amosado pola iniciativa, fixo que a Casa da Cultura redondelá quedara pequena para asistir a unha charla que terá o seu complemento, nunha clase práctica con data aínda por determinar. O Concello de Redondela adiantou xa que “ante o elevado número de asistentes que teñen amosado o seu interese por asistir, haberá que dividilos en grupos e impartir varias clases”.

O certo é que o Concello Redondelán, ten desenvolvido xa algunhas iniciativas de cara a mellorar a vida das mascotas, como é o caso da instalación, o pasado ano e na zona de Santa Mariña, dun parque canino para que os cans poidan facer exercicio en liberdade sen que iso supoña un inconveniente ou molestia para as persoas que non teñen mascotas.

Nesa mesma liña, na praia de Cesantes, concretamente na zona dos Estaleiros, habilitouse un espazo para cans. Nestes días procederase a colocación da correspondente sinalización de xeito queden ben distinguidas as zonas reservadas para mascotas da outra na que se prohibe a súa presenza.

O Concello de Redondela lembra que, hai xa dous anos, foi pioneiro na celebración do primeiro «Canicross», deporte que consiste en correr co can atado á cintura do corredor e unido ao arnés do animal, evento que tivo continuidade o ano pasado e este ano celebrarase no mes de novembro. Para visibilizar este deporte, fixéronse varias exhibicións na Alameda, con gran concorrencia de participantes. Tamén se fixeron demostracións de «bikejoring», unha disciplina deportiva que combina o ciclismo coas mascotas.

O concelleiro Julio Mougán aseguraba que “son moitas as accións que se están levando a cabo dende o Goberno para mellorar a convivencia e que todos gocen sen prexudicar aos demais” e amosaba a súa satisfacción polos resultados acadados polo que “seguiremos desenvolvendo accións nesta dirección”, concluía o conocelleiro..