Redondela continúa coa limpeza dos camiños das parroquias

Unha vez licitado o servizo de limpeza e rozado dos camiños, os traballos que se iniciaban o pasado mes de xuño continúan, segundo asegura o Goberno local, a bo ritmo polo que se espera que estean rematados neste mesmo mes de xullo. De cara a facilitar a realización dos traballos en dous meses, o contrato licitouse en catro lotes xa que, sinala o Concello "son moitas parroquias para contratar todo xunto".

Os lotes aos que fai referencia o Concello de Redondela, abranguen no Lote 1, as parroquias de Ventosela, Viso e Cesantes; no 2, Reboreda, Quintela e Saxamonde; no lote 3, Vilar Cabeiro e San Estevan de Negros e, finalmente, no lote catro Chapela, Trasmañó e Cedeira.

O contrato de licitación inclúe a obriga por parte da empresa da retirada de todo o material de refugallo das beiravías, de tal xeito que coa chegada do inverno e das choivas, evítense os atascos. As empresas licitadoras ofertaron o prezo de limpeza cunha media 340 € por quilómetro e o Concello de Redondela destinou unha partida orzamentaria de 110.000€ para este contrato de servizo.