Redondela continua a esixir o fin da violencia machista

Un luns máis, como todos os meses, Redondela volveu a esixir, de xeito silencioso pero non por iso menos rotundo, o cese da lacra social que supón a violencia machista. As 19:00 horas, a Corporación Municipal e ducias de veciños a veciñas concentrábanse diante da Casa do Concello para, coa sua presenza, amosar o seu firme compromiso coa loita contra a violencia de xénero.

Esta iniciativa, ideada e consensuada polo Consello Municipal da Muller no que participan colectivos de mulleres redondelás, partidos políticos e sindicatos, ten como obxectivo aumentar a visibilidade deste tipo de violencia e tamén sensibilizar á poboación sobre que a eliminación destas condutas violentas contra a muller, depende de todas e todos. Tamén se quere amosar a repulsa da cidadanía redondelá cara a violencia de xénero e o seu apoio a todas as persoas vítimas desta lacra social.

Amais da concentración e lectura dun texto, a concentración realizada esta tarde incluíu unha colleira da Asociación de mulleres Arela de Saxamonde. O Concello de Redondela e os membros do Consello Municipal da Muller convidan á cidadanía redondelá a participar, cada mes, nesta concentración mostrando así o seu rexeitamento contra a violencia de xénero e calquera outra forma de violencia e a súa concienciación da loita contra esta lacra social.