Sesenta persoas participan no VI Plan de Emprego Municipal de Redondela

O alcalde de Redondela, Javier Bas, xunto coa concelleira de Benestar Social, Carmen Amoedo, asistiron ao inicio do sexto Plan de Emprego, unha iniciativa na que participan un total de 60 persoas e que ten un compromiso de inserción laboral do 45%. Segundo subliñaba a concelleira Carmen Amoedo na presentación, “os resultados avalan as políticas de emprego postas en marcha hai 5 anos polo equipo de Goberno local".

Segundo sinalouse na presentación do Plan de Emprego, os datos de evolución do desemprego de setembro, difundidos polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social, “amosan que Redondela é o concello con menor taxa de paro dos 14 que conforman a Área Metropolitana de Vigo”, asegurou a titular de Benestar Social. De feito, engadía a concelleira, "dende que o actual Goberno local empezara a súa xestión, o número de parados en Redondela diminuíu en máis de 800 persoas, pasando do 21 a o 16%, a maior baixada de toda a Área Metropolitana de Vigo".

Este sexto Plan de Emprego Local, terá unha duración dun ano e dos 60 participantes no mesmo, 33 son mulleres e 27 son homes; de todos eles, 17 son perceptores de prestación, 13 son menores de 30 anos desempregados, outros 13 menores sen traballo e con baixa cualificación e 10 persoas en risco de exclusión social.

Neste ano de duración do plan, o mesmo desenvolverá unha actividade de asesoramento para a busca de emprego; captación de ofertas de emprego, promoción e divulgación do programa entre as empresas do territorio de influencia; alfabetización informática, manipulación de alimentos ou prevención de riscos laborais. Ademais, os asistentes adquirirán competencias profesionais demandadas no entorno, coma carretilleiro, xestión de almacén, operario de produción, dependente de comercio, caixeiro de supermercado, traballos verticais ou en altura, ou limpeza industrial, en función das demandas do mercado e dos perfiles das persoas participantes.