Día da Árbore do Viso: unha auténtica festa da natureza

A Comunidade de Montes do Viso levou a cabo o domingo 9 de abril unha nova edición do día da árbore, actividade que contou cun máis que considerable éxito de voluntarios e voluntarias e que reuniu a máis de 50 persoas entre cativos e adultos, que se animaron a reunirse para traballar en prol do monte veciñal en man común, polo monte galego e pola natureza da comarca sobre todo despois do desastre dos incendios do pasado agosto de 2016.

Dende a comunidade de montes do Viso quixeron agradecer "a todos os asistentes a súa dedicación, implicación e defensa do monte comunal". A organización quería agradecer "tanto aos comuneiros que se achegaron ao monte Espiño, como aos numerosos asistentes que acudiron dende outros lugares, a súa participación á hora de ofrecer un pouco do seu tempo en prol do noso monte".

Álvaro Cabaleiro Durán, presidente da Comunidade de Montes do Viso aseguraba que “este acto supón un pequeno exemplo de que a pesar que o monte quedase arrasado cos incendios forestais, é deber de toda a sociedade voltar a empezar e tentar deixarlle ás xeracións venideiras o mellor monte posible”.

En total plantáronse, en cuestión de horas, máis de 500 árbores entre carballos, castiñeiros e piñeiros, o que demostra a capacidade de implicación da veciñanza e a boa vontade de moita xente de cara a participar en actividades relacionadas coa natureza. Cabe destacar a colaborarán de empresas en actividades desta índole, como foi o caso de "Xirela" e "Maquinaria Agrícola Carpintero".