Arranca o Plan de Xuventude de Redondela

O Concello de Redondela vén de dar os primeiros pasos para a posta en marcha do Plan Estratéxico Municipal de Dinamización e Activación Xuvenil, unha iniciativa da Concellería de Xuventude que xestiona Julio Mougán que, xunto con persoal do seu departamento, desenvolven o traballo de campo da primeira fase do Plan que ten, como obxectivo, o coñecemento e diagnose da realidade actual da mocidade en Redondela.

Dada a transversalidade deste Plan, na reunión amais do alcalde Javier Bas, estaban presentes a concelleira de Muller, Igualdade e Cultura, Teresa París; a tenente de alcalde e Concelleira de Benestar Social, Mari Carmen Amoedo e a concelleira de Ensino e Eventos, Ángela Antón.

O alcalde, Javier Bas animaba a todos os presentes "a que poñan todo da súa parte", nun traballo, dixo, que “non ten precedente na vila” e que pode marcar "unha liña importante para a mocidade". Nas vindeiras semanas comezará a desenvolverse este Plan onde os centros educativos entre outros, terán un grande protagonismo.