A Deputación mellora o alumeado exterior e vías municipais en Salvaterra

Silva deu conta dos acordos da Xunta de Goberno provincial. Silva deu conta dos acordos da Xunta de Goberno provincial.

O goberno provincial de Carmela Silva aprobou destinar preto dun millón de euros para levar a cabo a mellora de alumeado exterior e melloras nas vías municipais en cinco concellos da provincia. Forcarei, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Salvaterra de Miño e Vilaboa serán os beneficiarios destas achegas enmarcadas na liña 1 do “Plan Concellos 2017”. Carmela Silva subliñou que “con esta relación levamos xa aprobadas achegas para investimentos nos concellos da provincia por valor de máis de 11,5 millóns euros, é dicir, o 44,75% da liña 1 que este ano ascende a 25.750.000  euros".

A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, informou queSalvaterra de Miño, pola súa banda, recibirá 68.187,07 € para a pavimentación de pistas municipais entre Alxén e Seganosa, no Campo da Feira e na Pista da Igrexa de Vilacoba. Deste xeito, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou xa o 52,73% do Plan Concellos 2017 correspondente á vila.

Pola sua banda, Forcarei recibirá 61.611,14 € para a mellora da instalación de alumeado exterior no concello. Ata o momento, tal e como manifestou a Presidenta provincial, Forcarei ten o 33,53% do orzamento correspondente ao Plan Concellos aprobado. Para a mesma comarca, en Tabeirós-Terra de Montes, o Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou unha achega de 565.453,92 € para que A Estrada poida pavimentar vías no termo municipal. Con esta achega, A Estrada ten xa aprobado o 66,7% da contía do Plan Concellos deste ano.

Pola súa banda, tal e como informou Silva esta mañá, Cerdedo-Cotobade recibirá 124.871,47 € para o asfaltado de viarios de acceso ao colexio de Carballedo, Dorna e ao Balneario de San Xusto. Ata o momento, este concello ten o 45,52% do orzamento correspondente ao Plan Concellos aprobado. A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra tamén aprobou, ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos, destinar 72.037,33 € a Vilaboa para a pavimentación e bacheo así como para o asfaltado de pistas municipais en Acuña. Con esta achega, Vilaboa ten aprobado o 37,03% do Plan Concellos deste ano.

 O Plan Concellos 2017 ten asignado para este ano unha dotación de 41,2 millóns de euros, unha partida un  3% maior que a do ano anterior e que, entre as súas tres liñas estratéxicas, leva aprobado xa máis de 30 millóns de euros dende xaneiro, é dicir, o 73% do plan.