ponteareas

Salvaterra implica aos máis cativos na conmemoración dos mil anos de historia do municipio

A tenente de alcalde de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, co cartel anunciador dos actos conmemorativos de Salvaterra Milenaria A tenente de alcalde de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, co cartel anunciador dos actos conmemorativos de Salvaterra Milenaria

O vindeiro 24 de maio, xornada declarada como festividade local polo Pleno da Corporación, o Concello de Salvaterra de Miño desenvolverá un amplo programa de actividades conmemorativas dos máis de 1.000 anos de historia do municipio. O concello centra os seus esforzos na participación dos nenos e nenas do municipio nos actos a desenvolver. Nese sentido vén de convocar o I Certame Artístico “Salvaterra Milenaria” para que trasladen a súa visión, a través das diferentes categorías, do que sería a Vila hai un milenio.

Marta Valcárcel Gómez, tenente de alcalde do Concello de Salvaterra de Miño, explicaba que o obxectivo do certame “é que os alumnos e alumnas dos Centros de Ensino do Concello nos ofrezan a súa visión do pasado da nosa Vila, ao tempo que se fomenta a súa imaxinación e creatividade, así como a participación nas actividades culturais do Concello”. Para elo estableceranse diferentes categorías, atendendo tanto a disciplina utilizada como a idade d@s participantes. O xurado estará composto por persoal docente dos centros escolares e do propio Concello.

Así os escolares de Infantil participaran dentro da categoría de debuxo, os de primaria e secundaria en manualidades e bacharelato en relato curto. Todas as categorías estarán premiadas con 3 premios, de 100, 75 e 50 €, para gastar en material escolar, informático, deporte ou vestimenta para os gañadores e gañadoras.

Todos os traballos serán expostos na web do Concello e nas Covas de dona Urraca o día 24 de maio, día no que se fará tamén entrega dos premios, dentro dos actos conmemorativos que ofrecerá o recinto amurallado aos seus visitantes durante a festividade local.

Máis de mil anos de historia ás beiras do Miño
É no ano 991 cando atopamos o primeiro documento escrito que fai referencia a Salvaterra de Miño, o que a converte nunha auténtica Vila Milenaria. Neste texto o monarca Vermudo II asinaba, un 24 de maio do ano 991, un documento no que lle cedía á igrexa compostelá e ao seu bispo D. Pedro Martínez de Mosoncio, a vila de “Lacedorium” (que foi o nome orixinario do pobo). Esta vinculación entre Salvaterra e a igrexa compostelá manteríase durante un longo período, ata ben entrado o século XIX, durante o cal, os veciños e veciñas pagaron o diezmo á sede santiaguesa.

Tras este episodio, son moitos os documentos nos que se fai referencia ao nome da vila, que progresivamente iría modificándose de Lacedorium a Lazoiro. A última mención ao topónimo de Lazoiro aparece no documento de anulación dos foros da cidade de Tui, realizado polo rei Fernando II en 1170. Sería en tempos de Alfonso IX, que ascendeu ao trono en 1188, cando a vila recibiría o seu topónimo actual, Salvaterra de Miño. Algunhas teorías apuntan a que este topónimo pode derivar do característico recinto amurallado, cuxa finalidade non era outra que “salvar” o pobo das invasión portuguesas, o que daría lugar ao nome de Salvaterra.