ponteareas

Xosé Represas: “Imos cambiar as políticas de gasto e poñelas ao servizo do cidadán”

Xosé Represas convertíase onte no primeiro alcalde nacionalista que ten o concello de Ponteareas en toda a súa historia.

De carácter aberto e conciliador, está convencido de que un alcalde non pode ser tal, se non o é de todos os veciños e veciñas independentemente da súa cor política. Terá a difícil tarefa de presidir un goberno tripartito –cuatripartito a todos os efectos aínda que EU non estea nos órganos de goberno– que transmita sensación de estabilidade e solidez e poida afrontar os grandes retos que ten o municipio.

Antes das eleccións ¿consideraban posible o que hoxe está acontecendo, que Ponteareas teña un goberno de esquerdas e un alcalde nacionalista?

Sabíamos que era posible, que había votos para o cambio pero que ía a ser complicado. Houbo, como todos puideron ver, un voto moi fragmentado que propiciou a entrada de dous novos grupos na Corporación, os dous de esquerdas, o que permitiu que acadaramos entre a esquerda e a esquerda nacionalista, unha maioría suficiente para gobernar.

Era unha oportunidade histórica que non se podía perder, supoño
Claro. De feito en canto se coñeceron os resultados comezamos as conversas encamiñadas a darlle a Ponteareas un goberno de progreso que rematase con décadas de gobernos da dereita. Esas conversas deron como froito o goberno de tres delas e Esquerda Unida apoiando ao goberno pero sen entrar nel.

¿Foi complicado chegar a un acordo?
En absoluto. Todos sabíamos que tiñamos que acadalo porque esa era a vontade dos votantes. Ese mandato popular fixo que todos actuásemos responsabilidade, deixando a un lado os intereses partidistas e poñendo por diante os intereses da maioría das persoas que votaron por ese cambio. Eu creo que iso foi a clave, o feito de que as catro forzas de esquerdas e nacionalistas tiveramos claro cal era o mandato a maioría. Iso facilitou que puideramos chegar a un acordo moi positivo para todos.

Logo quedaba a ratificación de cada uno dos partidos
Si, pero tampouco houbo maiores problemas porque, como digo, traballouse con moitísima responsabilidade. Así que as asembleas non tiveron maior problema en aprobar o acordo ao que tiñamos chegado na mesa de negociación.

represas02

Xosé Represas, coa Vara de Mando na man, convértese no primeiro alcalde nacionaista da historia de Ponteareas

Aínda hoxe, cando xa se celebrou o Pleno de Investidura e a nova Corporación xa está formada, o pobo está como contendo o alento a ver que va a pasar de agora en adiante...
Ben. É lóxico que haxa unha grande expectativa porque non se pode esquecer que é un cambio histórico e non é ningunha esaxeración. Por primeira vez na historia Ponteareas conta na Corporación cunha maioría absoluta nacionalista e de esquerdas, por primeira vez na historia Ponteareas terá un alcalde nacionalista e é perfectamente lóxico que haxa esa expectación polo cambio.

¿E que cambio van a notar?
Pois a verdade e que van a notar un cambio profundo sobre todo no que fai referencia á forma de gobernar, deixando atrás o caciquismo, a corrupción ou mesmo a incompetencia. Se verá polo tanto, en primeira instancia, un cambio na forma de gobernar e máis adiante nos proxectos e obras que se levarán a cabo encamiñados a acadar un maior benestar social.

Todo dentro de un programa pactado
Naturalmente. Esa é a clave. Trátase dun programa pactado entre as forzas políticas que dan cumprimento, desa forma, ao mandato popular expresado polos veciños e veciñas a través das urnas.

“A transparencia, que ninguén se esqueza, é o método máis efectivo para rematar coa corrupución”

Independentemente de que haxa outros puntos de acordo entre as forzas políticas que conforman o Goberno Local de Ponteareas, hai un punto que, xa de principio, era para todos imprescindible: a transparencia de xestión.
Si. O que se trata e que todos os veciños e veciñas de Ponteareas saiban como se gastan os máis de 13 millóns de euros que, anualmente, ten Ponteareas de presuposto, diñeiro que aportamos todos e cada un de nos cos nosos impostos. Iso é unha prioridade absoluta e nestes momentos. Existen estudios realizados por Universidades, nos que Ponteareas está a cola no que fai referencia á transparencia da xestión do diñeiro público e iso ten que rematar.
Os veciños e veciñas teñen que saber, perfectamente, a que se dedica o diñeiro público. A transparencia, que ninguén se esqueza, é o método máis efectivo para rematar coa corrupción e, amais, permite dispoñer de máis fondos para realizar máis obras e actuacións que redunden no ben da veciñanza.

Xa que fala de obras e gastos... dicía unha alcaldesa da provincia, da súa cor política, por certo, que gastar moito non significa gastar ben...
O comparto plenamente, a miña experiencia en xestión de cartos en entidades sociais ensinoume que co mesmo diñeiro, ben xestionado, se pode facer moito máis polo tanto, gastar moito non é sinónimo de gastar ben. Iso, nestes momentos económicamente complicados, adquire unha especial importancia. Pero non é só o control do gasto, senón tamén en que se gasta.
É por iso, que no programa de Goberno, as principais partidas orzamentarias irán destinada a rematar coa exclusión social, á fomentar a creación de emprego, incrementar a calidade de vida ou fomentar o comercio local entre outras moitas medidas. Trátase, polo tanto e niso estamos todos de acordo, de cambiar as políticas de gasto do Concello e poñelas ao servizo do cidadán.

represas03

Xosé Represas con Manuel Troncoso (ARdT) e Chus Garrote (PSOE)

¿Ata que punto un goberno formado por tres partidos máis un apoiando pero sen entrar en goberno, pode ser estable?
Pode ser perfectamente estable. Teñan en conta que, en moitas ocasións, a estabilidade non está asegurada polo feito de que goberne ou deixe de gobernar unha soa forza política. O exemplo o tivemos nos últimos once anos cos gobernos de Salvador González Solla e mais, nesta última lexislatura, cun goberno en minoría. Houbo problemas de ineficacia e mesmo de enfrontamentos entre distintas áreas de goberno e iso pertencendo a un mesmo partido.
Do mesmo xeito, tivemos exemplos anteriores cos pactos entre o PP e UCPA primeiro e ACIP despois, que se xuntaban ou rompían acordos segundo a conveniencia electoral de cada momento. A inestabilidade foi importante e o resultado está á vista xa que non foron quen de resolver ningunha das prioridades de Ponteareas.
Un goberno ten que dar solucións ás demandas cidadás e, dende ese punto de vista, un goberno composto por tres partidos pode ser máis estable que un goberno formado por unha soa forza.

¿O xeito de levar as negociacións durante estes días previos pode ser un signo de estabilidade?
Indubidablemente. Levamos as negociacións sen ningún tipo de problema para chegar a un acordo e chegamos a un acordo sobre a integridade do pacto de goberno dous días antes da sesión de investidura. Iso amosa que este acordo e este goberno vai a ser estable porque temos uns obxectivos comúns ben definidos.

“Eu non serei un alcalde só do BNG, serei un alcalde de todos os veciños e veciñas de Ponteareas”

Supoño que son vostedes conscientes de que todas as miradas dos veciños e veciñas están postas en como vai a funcionar este Goberno.
Por suposto e é lóxico. Somos conscientes da responsabilidade e o cambio histórico que isto supón para Ponteareas, pero estamos seguros que vamos a responder ás expectativas creadas e que non vamos a fallar, tanto aos que nos votaron a nos, como os que votaron a outras forzas políticas.

¿Se pode ser alcalde de todos e de todas?
Non é que se poida, é que se debe ser alcalde de todos os veciños e veciñas. Eu non serei un alcalde só do BNG, serei un alcalde de todos os veciños e veciñas de Ponteareas porque iso é o que se debe facer. Cando se preside un Goberno, non se pode facer para unha parte da poboación, hai que presidilo para as máis de 23.000 persoas que viven no municipio.

Ao seu entender, ¿cales son os asuntos máis urxentes? Eses nos que haberá que comezar a traballar xa mañá luns.
A verdade é que hai moitos asuntos urxentes. Pero aí e onde tamén se ve a estabilidade da que falabamos antes, porque están marcados nos acordos de goberno acadados entre os tres partidos. Son cuestións que teñen que ver coa organización dos servizos do Concello pero, sobre todo coas necesidades da poboación nestes momentos e que, como dicía con anterioridade, fan referencia á rematar coa exclusión social, as políticas de emprego e a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

O PXOM é importante...
Importante, non, importantísimo. Ademais queremos que se faga cun absoluto consenso de todas as forzas sociais e políticas e será a demostración, pola nosa parte, de que gobernamos para todos os veciños e veciñas.

Non deixa de ser curioso de que se presentara unha moción ao goberno bipartito BNG-PSOE por non dar aprobado o Plan Xeral, e agora, anos despois, sexan vostedes o que posiblemente o aproben.
Pos si. Estou seguro que o PXOM será aprobado o antes posible por este goberno, en canto miremos en que punto está a súa tramitación. En realidade, se non se aprobou foi pola incapacidade do Partido Popular que despois da moción de censura, tivo case que once anos para aprobalo e non quixo facelo.

¿Esperan sorpresas sobre o que se poden atopar cando cheguen ao Concello?
Non moitas, a verdade. Levo moito tempo como concelleiro e de portavoz nos últimos seis anos e coñecemos ben a situación do concello. Non. Non creo que haxa moitas sorpresas máis alá do que poidan ser gastos electorais de última hora por parte do PP nun intento de conseguir mellorar os seus resultados durante a campaña. Pero non, a maiores diso, non espero moitas sorpresas.represas04

Unha pregunta obrigada cando de gobernos de coalición de trata ¿van a existir as concellerías estancas? Xa sabe, desas nas que nin tan sequera o alcalde ten control sobre elas...
Por mire, esa é outra das cousas que está ben definida nos acordos de Goberno. É un goberno conxunto, un goberno de coalición. Hai áreas delegadas pero cunha coordinación constante de xeito que todo o que se faga, se fará por parte do goberno e non de tal ou cal forza política, mais aló de que a responsabilidade corresponda a un ou outro partido. Pero é, e quero deixalo ben claro, un goberno de coalición conxunto e sen fisuras e non haberá maior problema á hora de poñernos de acordo nas actuacións que haxa que facer en cada área.

¿Lle preocupa a relación que poidan ter con outras administracións como pode ser o caso da Xunta de Galicia?
En absoluto. O BNG ten alcaldías en moitos lugares do país e non hai problema algún porque, creo, as relacións se teñen entre institucións e non entre forzas políticas. En todo caso, Ponteareas reclamará o que lle corresponde xa que hai cuestións polas que levamos anos agardando e que aínda están por resolver. Como alcalde son responsable, diante da Corporación e diante da sociedade de Ponteareas, de facer a esas outras administracións a necesidade de resolver eses problemas que son da súa competencia...

“Serei inflexible á hora de reclamar o que a Ponteareas lle corresponde. O que non pode suceder, nin vou permitir, é que Ponteareas quede marxinada fronte a outros Concellos”

¿Por exemplo?
Pois por exemplo a famosa circunvalación que permita a conexión da nacional 120 e a autovía A-52 que con distintos gobernos sempre se prometeu e sigue sen facerse. Esa será, por poñer un exemplo, unha das prioridades que teremos nesta lexislatura. Polo tanto o que sempre farei será poñer por diante os intereses de Ponteareas á hora de demandar esas actuacións ás outras administracións dende o debido respecto institucional que ten que existir.
Pero, que quede claro, serei inflexible á hora de reclamar o que a Ponteareas lle corresponde. O que non pode suceder nin vou a permitir, é que Ponteareas quede marxinada fronte a outros concellos.

¿Incluso se chegado o momento é unha institución da súa propia cor política, como pode acontecer na Deputación?
Por suposto. Teña en conta que eu, como alcalde, non estarei representando ao BNG, senón que estarei representando ao meu concello e, polo tanto, a todos os seus veciños e veciñas. Pero non agardo que haxa ese escenario. En todo caso cun goberno máis próximo na Deputación, como será o do PSOE e o BNG, haberá relacións máis fluídas e se evitarán casos de caciquismo como os que ata o de agora se daban. Ese, por certo, será tamén un cambio moi importante que beneficiará moito a Ponteareas.

Moitos veciños das parroquias afirman sentirse como “ponteareáns de segunda” porque pagan, as veces máis impostos que os do caso urbano e teñen a mitade de servizos. ¿Pódese chegar a unha equiparación entre os veciños do rural e os do casco urbano?
Esa é tamén unha das tarefas que nos temos imposto dende o novo goberno, e rematar ou cando menos reducir a discriminación existente entre os veciños do rural e do casco urbano de Ponteareas. Aínda así, sempre haberá determinados servizos se prestan no casco urbano e que sería imposible prestalos nos núcleos rurais.
Pero si que é certo que existe esa discriminación e, pola nosa parte, poñeremos todos os medios ao noso alcance para diminuír na maior medida posible, dita situación tanto a nivel de impostos como dos servizos que se prestan. Será amais un plan que desenvolveremos durante estes catro anos pero, tamén é certo, que levará moito máis tempo rematar con esa situación discriminatoria.

Falaba vostede antes da necesidade de crear emprego, pero o certo é que as competencias dun concello, en materia de emprego son limitadísimas por non dicir nulas. ¿De que forma podería se pode traballar dende o concello para diminuír os índices de desemprego?
É certo que o Concello non pode, coas escasas competencias que ten, terminar co paro e co drama das 3.000 persoas que están desempregadas neste momento, pero non é menos certo que se poden facer máis actuacións concretas das que se fixeron nestes últimos anos.
Precisamente por iso, no novo goberno, priorizamos todo aquelo que teña que ver creación de emprego. Buscaremos a posta en marcha de Obradoiros de Emprego a desenvolver nestes próximos catro anos, en contraposición do acontecido nesta última lexislatura na que non houbo ningún.
Amais buscaremos a forma de facilitar a inserción laboral da xente nova que vén de rematar os seus estudos e que o ten complicado para atopar un primeiro traballo, a través da posta e marcha Bolsa de Prácticas reais en empresas de Ponteareas e do entorno. Dese xeito poderán adquirir a experiencia precisa para a súa inserción no mercado laboral.
O que si é certo é que se poden tomar moitas medidas que dean como froito que Ponteareas volva a ser o centro comarcal, a nivel de comercio e servizos, e poida recuperar ese papel preponderante que nestes últimos anos foi perdendo claramente. Nese sentido un alcalde ten que actuar case como comercial para vender Ponteareas fora e traer o maior número de actividades que contribúan á creación de emprego.

Ou sexa que Ponteareas tería que recuperar o que foi no seu momento, o centro comercial da comarca.
Exactamente. Pero moito máis do que era antes porque hai unha maior concentración de poboación no núcleo urbano que entón. Non deixa de ser curioso que Ponteareas teña hoxe en día moito máis peso do que tiña décadas atrás e, sen embargo, está perdendo parte dese peso económico que é preciso non só recuperar senón potenciar. O que si pódolle asegurar, é que o novo goberno adoptará todas as medidas necesarias para que Ponteareas volva a contar como o que realmente é, unha das grandes vilas da provincia e do país e cabeceira dunha comarca de 60.000 habitantes e moi próxima a Vigo, o que crea unha serie de sinerxias que debemos aproveitar.
Para conseguir todo iso, só hai que ter as ideas claras e unha serie de propostas viables nesta materia, que é o que ten o novo goberno.

A situación que vive o comercio local, dividido en dúas asociacións, é bastante preocupante sobre todo se se ten en conta que é un sector básico da economía do municipio. ¿Se pensan desenvolver iniciativas concretas de cara a súa estabilización e posterior recuperación?
O certo é que o anterior goberno do Partido Popular, o único que fixo foi dividir e enfrontar ao comercio local e non favorecer a súa actividade. Dado que a maior parte do comercio se atopa non núcleo urbano, será preciso articular medidas que atraian xente ata Ponteareas xa que, desa forma, ao ter máis visitantes estaremos potenciando as posibilidades de negocio para o comercio.

Se fala moito do transporte metropolitano ¿todavía está a tempo Ponteareas de entrar na Área de Transporte Metropolitano?
Por suposto que se está a tempo. Amais é que esa é realidade actual das comunicacións de Ponteareas con Vigo e coa Área Metropolitana e é absolutamente necesario potenciar o transporte público, pero o PP non o quixo facer así e preferiu utilizar este tema como un arma de enfrontamento co PSOE e coa alcaldía de Vigo.
O que faremos, dado que existe un acordo aprobado por unanimidade pola anterior Corporación Municipal, será xestionar perante a Xunta a incorporación de Ponteareas á Área de Transporte Metropolitano de xeito que se poidan beneficiar os veciños e veciñas e deixando ao marxe as batallas partidistas.