ponteareas

Ponteareas solicita a declaración de BIC para igrexa de Angoares e o Corpus

O Pleno da Corporación Municipal de Ponteareas aprobou unha iniciativa da concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, pola que se solicita á Xunta de Galicia a incoación do procedemento para declarar, a Igrexa de San Pedro de Angoares, como Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de Monumento e a mesma consideración para as Alfombras de Flores de Ponteareas na categoría de Inmaterial.

Alfombras florais do Corpus Christi
Documentadas cando menos dende o século XVII, as alfombras florais de Ponteareas que se confeccionan na Festa co Corpus Christi son un dos sinais de identidade do municipio polo que, logo da súa declaración como Festa de Interese Turístico (1968), poucos anos despois de Interes Turístico Nacional e finalmente Festa de Interese Turístico Internacional (2009) o Concello de Ponteareas busca a súa declaración e protección como Ben de Interese Cultural Inmaterial.

A concelleira de Cultura e Turismo, Hortensia Bautista, na iniciativa presentada onte ao Pleno da Corporación, recalcaba o feito que, logo de más dun século e medio de celebración, a Festa do Corpus de Ponteareas “segue a conservar a súa principal característica, como é o labor colectivo de toda a veciñanza e a transmisión dunha sabedoría secular”.

Segundo a concelleira, a catalogación das alfombras do Corpus de Ponteareas como BIC Inmaterial “estarían non só garantindo a súa protección, senón recoñecendo a súa extraordinaria importancia como sinal de identidade dun pobo”. Subliña Hortensia Bautista que a propia Lei de Patrimonio de Galicia, ao amparo da que se pide esta declaración de BIC Inmaterial, sinala que o seu fin é “a protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia” e deixa claro que o dito patrimonio “está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que polo seu valor artístico (...) deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo”.
Se hai unha celebración que cumpre ao pé da letra ditos requisitos, non dubida en afirmar Hortensia Bautista, estas son as alfombras da Festa do Corpus que son “unha mostra de traballo colectivo de todo un pobo na procura dun obxectivo común dende hai máis de 150 anos”.

Igrexa de San Pedro de Angoares
Coa aprobación desta moción, o Goberno local ponteareán da os primeiros pasos para “a protección dun elemento patrimonial singular e único en Galicia”, tal e como explicaba Hortensia Bautista. Nese sentido, apuntaba a concelleira, e preciso ter moi presente “que, amais da igrexa de Angoares, tan só existen en todo o estado outras dúas similares como son a de Santa María de Tera, en Zamora e a de San Pedro de Campodrón en Girona”.

igrexa angoares02

O Goberno local sinala que a igrexa de Angoares cumpre os requisitos necesarios para ser declarada Ben de Interese Cultural, xa que a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, no seu artigo 88 ‘Contido do patrimonio arquitectónico’, sinala entre os bens nos que concorre un significativo valor arquitectónico e que polo tanto son susceptibles de protección “Os edificios relacionados co culto relixioso católico e doutras confesións, aínda que perderan o seu uso, como catedrais, mosteiros, conventos, colexiatas, igrexas, ermidas, capelas, seminarios ou casas reitorais, construídos con anterioridade a 1836”.