Todo disposto en Ponteareas para a II Subida á Piracaña

A II Subida á Picaraña que terá lugar o día 1 de maio e que foi presentada polo concelleiro de Deportes do Concello de Ponteareas, Benito Márquez, e Cristóbal García, do club de Montaña Caminhantes do Condado, incorpora por primeira vez o Campionago Galego de Carreira de Montaña en categoría cadete.

En paralelo ao campionato cadete decorrerá a subida popular para o resto de categorías. “Desde a organización o noso obxectivo, sobre todo é xerar un día de festa e convivencia co deporte aproveitando que o día 1 de maio é o día da romaría da Picaraña, amais de compartir unha actividade deportiva e de montaña entre diferentes xeracións”, explica Cristóbal García.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Benito Márquez, expresaba a súa esperanza de esta carreira teña unha boa afluencia de afeccionados “para facela un referente que axude a promocionar Ponteareas, pola súa natureza, e polo seus deportistas”.

A hora de inicio da subida popular á Picaraña será ás 10:30 horas, cun percorrido de 4 quilómetros, cun desnivel de 350 metros, mentres que a hora de comezo do Campionato Galego en categoría Cadete será ás 10:45 horas, cunha distancia de 6 quilómetros, cun desnivel de 450 metros. A saída terá lugar na Piscina Municipal e o lugar chegada será a Cruz da Picaraña. Os participantes toparanse cunha sorte de percorrido de terra, asfalto, camiños e sendeiros.

No Campionato Galego en categoría Cadete participarán rapazas e rapaces de 15, 16 e 17 anos. Asemade, na subida popular haberá unha categoría absoluta, júnior, sénior, veterano A e veterano B.